Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

A Amtega e a Universidade Sénior da Coruña achegan ás persoas maiores as vantaxes dos servizos dixitais a través da rede CeMIT

• O vindeiro 10 de abril presentarán a plataforma É-Saúde do Sergas nunha xornada que será retransmitida en 6 aulas da Rede

• As inscricións pódense formalizar, de xeito gratuíto, na páxina web de CeMIT

• A Universidade Sénior da Coruña é un dos preto de 800 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Universidade Sénior da Coruña colaboran no marco do Plan Dixital  de Galicia nun itinerario formativo destinado á capacitación dixital de persoas maiores de 50 anos.

Dentro das actividades previstas para este ano, o vindeiro día 10, de 11.00 a 13.00 horas,  celebrarase unha xornada de presentación da plataforma É-Saúde do Sergas nas instalacións da Universidade en Ferrol (Edificio de Apoio o Estudo- Campus de Esteiro), que se retransmitirá por videoconferencia a seis aulas da Rede CeMIT : Abegondo, Leiro, Pontevedra, Ribadeo, Santa Comba e Valga.

A presentación ten un enfoque eminentemente práctico co obxectivo de mostrar as facilidades da xestión online que ofrece a plataforma con exemplos prácticos sobre a solicitude das citas médicas, o acceso á historia clínica do paciente ou a consulta da medicación dende calquera dispositivo sen necesidade de desprazamentos aos centros de saúde.

Actividades en 2018

Esta é a segunda presentación da plataforma do Sergas que se fai tras o boa acollida que tivo a primeira celebrada o pasado 19 de marzo e que se retransmitiu en 19 aulas CeMIT, coa participación de máis de 150 persoas. 

O pasado 1 de marzo realizouse a primeira das actividades planificadas no marco do proxecto europeo: Proxecto Erasmus+ KA204 “TICTac +55 - Técnicas de aprendizaxe combinadas na ensinanza das TIC para persoas maiores de 55 anos”, baixo o título: As TIC como unha destreza de vida nas persoas adultas e maiores europeas.

Ao longo de 2018, a Universidade Sénior da Coruña, na súa labor como aliad@ dixital, ten prevista a convocatoria de diferentes charlas informativas, presentacións e talleres que terán lugar de forma presencial nas súas instalacións e que, a través dos medios técnicos da Rede CeMIT, poderán ser seguidas ao longo de todo o territorio galego sen necesidade de realizar desprazamentos a través do sistema de videoconferencia.

Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 - Aliad@s Dixitais

O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

Esta estratexia estase a desenvolver grazas á cooperación, e implicación dos axentes do ecosistema dixital. Actualmente o Plan de Inclusión Dixital conta con preto de 800 aliados dixitais, entre os que se inclúe a Universidade Sénior da Universidade da Coruña, a cal ven colaborando coa Xunta de Galicia dende 2016 como aliado dixital e anteriormente como entidade colaboradora do Programa de Voluntariado Dixital.

Universidade Sénior da Universidade da Coruña

A Universidade Sénior da Coruña centra a súa actividade en ofrecer estudos a un sector da sociedade maior de 50 anos que concluíu a súa vida laboral e demanda un novo tipo de formación actualizada e axeitada ás súas inquedanzas formativas e intereses culturais, onde as TIC teñen un papel fundamental.

No presente curso académico, conta con 945 alumnos e alumnas entre o campus de A Coruña e Ferrol.