Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Amtega e a CRTVG organizan un workshop de consultas ao mercado para incorporar servizos innovadores interactivos á oferta da televisión pública autonómica

• O encontro, que terá lugar o vindeiro mércores 19, detallará as necesidades e retos para adaptar as emisións do ente público ás novas demandas de consumo
• O proxecto xorde do convenio entre a Amtega e a CRTVG para poñer en marcha unha canle dixital para o ámbito educativo e a creación de contidos multimedia
• Estas actuacións enmárcanse no Plan DICO Mindset elaborado pola Amtega en colaboración cos axentes do sector para impulsar os contidos dixitais en Galicia

A Cidade da Cultura acolle o próximo 19 de setembro o Workshop de Consultas ao mercado para o desenvolvemento de proxectos innovadores no ámbito dos contidos dixitais interactivos, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG). 

Ambas entidades están a colaborar para adaptar as emisións do ente público ás novas demandas de consumo, no marco  do Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia, DICO Mindset.

O obxectivo do workshop é presentar as necesidades e retos dun proxecto que pretende por a Galicia na vangarda do audiovisual a nivel internacional. Para elo, lánzase un procedemento de consultas ao mercado dentro da compra publica innovadora para que as empresas do sector TIC e do sector audiovisual poidan aportar a súas propostas.  Os interesados en asistir pódense inscribir a través https://cdtic.xunta.gal/workshop-dico-mindset.

A partir das propostas recibidas, a Amtega e a CRTVG terán coñecemento suficiente das solucións máis novas e óptimas existentes no mercado para abrir un procedemento de licitación posterior. As poden enviarse a través do formulario web da Amtega https://amtega.xunta.gal/dicomindset ata o 15 de outubro.

Actuacións

O proxecto busca a posta en marcha dunha plataforma capaz de ofrecer solucións e servizos avanzados que incorporen as últimas tecnoloxías. Entre elas destaca a creación de contidos interactivos innovadores para o ámbito educativo non regrado que se integrarán nunha nova unha canle temática. 

Con esta actuación quérese estimular o uso de novas canles e medios, en liña coas novas tendencias de consumo de contidos educativos, que se poidan orientar ao progreso e ás preferencias educativas do alumnado, a partir da aplicación das TIC.
 
Ademais, para mellorar a experiencia de usuario incorporaranse as segundas pantallas, así como a creación de contidos específicos baseados en realidade aumentada, realidade virtual etc... para ser consumidos nelas.

Por último, para completar o proxecto, está previsto deseñar modelos para a análise de datos, baseados en técnicas de Big Data, que permitan medir e analizar os comportamentos da audiencia co obxectivo de crear canles multimedia personalizadas.

Orzamento 

Ambas entidades investirán na iniciativa un orzamento total de 2.430.000 euros ata o 2020. A axencia pública autonómica achegará 1.780.000 de euros, cofinanciados nun 80% con Fondos Feder, para facilitar o posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo.