A Amtega e a AETG organizan unha xornada para concellos sobre as novidades na tramitación de infraestruturas de telecomunicacións

Venres 11 de Novembro de 2016

A Amtega e a AETG organizan unha xornada para concellos sobre as novidades na tramitación de infraestruturas de telecomunicacións

Terá lugar o día 15 de novembro de 10.00 a 11.00 horas no CDTIC e poderá seguirse por videoconferencia nas aulas CeMIT de 14 municipios de Galicia

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Axencia de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) organizan o día 15 de novembro a xornada sobre “Casos prácticos de tramitación de infraestruturas de telecomunicacións nos concellos”, que se retransmitirá dende as instalacións do Centro Demostrador TIC Galicia, en Santiago de Compostela, e poderase seguir a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de diversas localidades de Galicia en horario de 10.00 a 11.00 h.

Nestes últimos anos estanse a producir numerosas modificacións normativas no referente ás infraestruturas de telecomunicacións que afectan ás actividades sobre as que exercen as súas competencias as Administracións Locais, constatándose a dificultade de actualización da normativa municipal e de acceso á información tecnolóxica que están a condicionar o funcionamento diario destas Administracións.

O obxectivo desta xornada é informar aos concellos sobre as novidades que afectan ao despregamento das infraestruturas de telecomunicacións no territorio municipal, reflectindo a importancia da ordenación das mesmas e a necesidade de facilitar e reducir o custo do seu despregamento.

O público obxectivo é o persoal municipal con competencias no ordenamento urbanístico das infraestruturas de telecomunicacións, tanto dende o punto de vista da súa tramitación (secretarios, arquitecto municipal, persoal de urbanismo ou obras,etc), coma da súa xestión ou instalación (servizos municipais de electricidade, informática, obras,etc).

As persoas interesadas en seguir esta xornada poden acercarse a calquera das aulas CeMIT das seguintes localidades, que mostraron o seu interese en retransmitir a través de videoconferencia a xornada e así poder evitar desprazamentos innecesarios:

• Abegondo
• Ames
• Betanzos
• Beariz
• Celanova
• Foz
• Leiro
• Narón
• Noia
• Oroso
• Ourense
• Santa Comba
• Tomiño
• Vimianzo

Pódese consultar os datos de contacto das aulas na seguinte ligazón: https://cemit.xunta.gal/centros.

Servizo de asesoramento a concellos (Oficina Concellos)

Esta xornada nace como unha iniciativa da Oficina Concellos xestionada pola AETG no marco do convenio firmado coa Amtega o pasado 31 de marzo de 2016. Ademais, trala xornada, a Oficina porá a disposición dos concellos a documentación presentada durante a videoconferencia para que sirva de guía no desenvolvemento das actividades relacionadas.

A Oficina Concellos ofrece un servizo de asesoramento e soporte especializado sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación. Calquera concello que precise de axuda neste ámbito pode chamar ao teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h ou ben enviar a súa consulta ao enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal.