A Amtega e a AETG organizan o primeiro foro galego sobre os retos e oportunidades do 5G

Mércores 20 de Xuño de 2018

A Amtega e a AETG organizan o primeiro foro galego sobre os retos e oportunidades do 5G

• O 27 de xuño operadores, fabricantes, clientes do ámbito empresarial, administracións públicas e entidades con iniciativas de 5G debaterán na Cidade da Cultura o potencial e o impacto desta tecnoloxía

O vindeiro 27 de xuño Santiago acollerá o foro “Oportunidades e retos das redes 5G”, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (AETG). Trátase do primeiro foro de debate en Galicia sobre o marco no que se desenvolverán as redes 5G, o impacto que terán na sociedade galega, os retos para a súa implantación e o potencial do hipersector TIC galego para situarse neste contexto tecnolóxico emerxente.

O encontro busca ofrecer os puntos de vista, inquietudes e expectativas de todos os axentes implicados polo que está estruturado en diferentes bloques para dar voz a operadores, fabricantes, clientes, administracións públicas e entidades que están a traballar xa en iniciativas de 5G. Os interesados en asistir pódense inscribir na xornada a través do correo cdtic@xunta.gal.

Tecnoloxía 5G e marco estratéxico

Como punto de partida o primeiro bloque do encontro será un relatorio sobre que son as redes 5G da man de José Carlos López Ardao, profesor da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo. 

O segundo bloque abordará o marco estratéxico ante o 5G co relatorio dun representante da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital. A continuación terá lugar unha mesa redonda na que diferentes representantes de entidades e grandes empresas de diferentes ámbitos, como o Sergas ou PSA, abordarán as posibles aplicacións, as oportunidades e os beneficios que esperan do desenvolvemento das redes 5G en Galicia.

Operadores e fabricantes

O terceiro bloque centrarase nas perspectivas das redes 5G desde a visión dos operadores e os fabricantes. Didier Clavero, head of Data Core Vodafone; Tomás Alonso, director de Enxeñería de Produto de Orange; Javier Gutiérrez, director de Estratexia e Desenvolvemento de Rede e Infraestruturas de TI de Telefónica; e Norberto Ojinaga, director de Rede de R, exporán o papel que desempeñarán as 5G na economía e a sociedade e as perspectivas e problemáticas que ven sobre o seu despregamento.

A mesa redonda dos fabricantes achegará a súa visión do futuro das redes 5G e as posibilidades de uso coa participación de Iván Rejón. Head of Strategy, Gov’t & Industry Relations, Marketing & Communications de Ericsson: Álvaro Sánchez. Head of Telefónica Account at Nokia; e José Nicolás Domínguez-Staedke, Strategy & Business Development at Colmena.

Entidades con iniciativas baseadas en 5G

O cuarto e último bloque servirá para expoñer  iniciativas específicas de uso do 5G da man de entidades que están xa desenvolver solucións concretas. Nesta mesa participan Francisco Sánchez Pons, director de ITS e Electrónica en CTAG; Yudani Riobó, Innovation Manager at Quobis; Luis Pérez Freire, director General de Gradiant e Céctor Estévez, Director General de Centum Research & Technology

As redes 5G están a dar os seus primeiros pasos e espérase que nos próximos anos o seu despregamento sexa xa unha realidade e pasen a converterse nunha infraestrutura básica para a transformación dixital, xunto con outras tendencias como o big data, a intelixencia artificial ou a internet das cousas. 

A celebración deste foro enmárcase nas iniciativas promovidas pola Axenda Dixital de Galicia 2020, que ten como obxectivo prioritario contribuír a transformación dixital da Comunidade.