Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Amtega e a AETG organizan as xornadas “non tolees coa wifi” para informar sobre os servizos de internet dispoñibles no mercado

• Están dirixidas aos axentes TIC das aulas CeMIT, ao persoal municipal e aos cidadáns interesados en resolver as dúbidas sobre contratación de internet
• Realizaranse un total de 4 xornadas, unha por provincia, ás que se poderá asistir presencialmente ou por videoconferencia nas aulas da Rede CeMIT habilitadas
• As inscricións pódense formalizar, de xeito gratuíto, nas propias aulas habilitadas ou a través da web da Rede CeMIT


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) organizan no mes de outubro as xornadas formativas “Non tolees coa wifi”, que se levarán a cabo presencialmente nas aulas CeMIT de Marín, Oroso, Celanova e Sarria e poderanse seguir a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de diversas localidades de Galicia.

Nos últimos anos está a crecer o nivel de uso da banda larga en fogares e empresas, cada vez son máis as familias que precisan contratar un servizo de internet pero aínda existen moitas dúbidas e desconfianzas ao respecto. Con esta formación búscase achegar aos asistentes os coñecementos básicos para a contratación de internet e da resolución de incidencias no servizo.

As xornadas están dirixidas aos axentes TIC das aulas CeMIT, co obxecto de que posteriormente podan eles crear os seus propios cursos na materia, e a todo o persoal municipal e cidadáns interesados. Explicaranse conceptos tales como as tecnoloxías de acceso á internet dispoñibles no mercado, as conexións precisas para os distintos usos de internet, as redes e operadores presentes en Galicia, os canais dispoñibles para reclamacións e os organismos competentes neste ámbito e normativa existente.

Aulas CeMIT e inscricións

As persoas interesadas poderán asistir a calquera dos catro cursos dispoñibles que terán unha duración aproximada de dúas horas. Para achegar a formación ao maior número de destinatarios posibles, organízase unha xornada en cada provincia facilitando a asistencia ben presencial ou por videoconferencia nas seguintes aulas.

Para a inscrición tan só hai que premer sobre a aula de interese:

Pódese consultar mais información sobre as datas e formalizar a inscrición, de balde, na páxina web de CeMIT, e na aulas CeMIT de xeito presencial ou contactar coa Oficina CeMIT enviado un correo a cemit@xunta.gal

Servizo de asesoramento a concellos

Esta xornada nace como unha iniciativa da Oficina Concellos xestionada pola AETG no marco do convenio firmado coa Amtega. Ademais, trala xornada, a Oficina porá a disposición dos asistentes a documentación presentada.

A Oficina Concellos ofrece un servizo de asesoramento e soporte especializado sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación. Calquera concello que precise de axuda neste ámbito pode chamar ao teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h ou ben enviar a súa consulta ao enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal.