A Amtega e a AETG elaborarán unha guía técnica de instalación das infraestruturas necesarias para ofrecer servizos de Fogar Dixital
É unha das medidas contempladas no convenio asinado entre a directora da Axencia e o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación
Recollerá os requisitos do Decreto 127/2016, que garante que as vivendas de nova construción acollan sistemas intelixentes para acceder a servizos sociosanitarios, de aforro enerxético, seguridade ou confort
Ademais, a AETG elaborará un estudo sobre a calidade das redes de banda larga en diferentes zonas da Comunidade
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) elaborarán unha guía técnica de infraestruturas de soporte de Fogar Dixital, que incluirá un proxecto tipo para a instalación destas infraestruturas nas vivendas de nova construción. É unha das actuacións recollidas no convenio de colaboración que veñen de asinar a directora da Amtega e o presidente da AETG, Ramón Bermúdez de Castro.
A guía recollerá as implicacións e indicacións do Decreto 127/2016, do 15 de setembro, polo que se regulan as infraestruturas necesarias para posibilitar as funcionalidades do fogar dixital nas vivendas de nova construción. Este decreto garante que as novas vivendas dispoñan das infraestruturas necesarias para ter acceso a servizos dixitais avanzados tanto sociosanitarios, como de eficiencia enerxética, domótica, seguridade ou confort. Ademais, a norma establece que para obter as licenzas oportunas será requisito obrigatorio proxectar e instalar as infraestruturas de soporte do Fogar Dixital e recolle, tamén, a recomendación de que estas se inclúan cando se rehabiliten ou remodelen as vivendas xa existentes.
A AETG levará a cabo unha análise e estudo exhaustivo da norma e elaborará documentación de soporte técnico dirixida aos axentes implicados na instalación das infraestruturas que posibilitan os servizos do Fogar Dixital.
Servizo de asesoramento
O acordo contempla tamén que a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia poña á disposición dos concellos galegos un servizo de asesoramento sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación.
Este servizo está dispoñible a través do teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h e no enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal.
A medida exponse como unha canle de comunicación directa cos concellos para dar soporte ás súas necesidades no referente á actualización normativa e ao acceso á información tecnolóxica que condicionan o funcionamento diario das Administracións Locais.
Medicións e controis sobre o terreo
Por outra banda, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia levará a cabo tamén un estudo sobre a calidade das redes de banda larga naquelas zonas da Comunidade que, polas súas características específicas, requiran de medidas de control concretas.
A Amtega achegará á Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia un total de 65.000 euros para o desenvolvemento das actuacións que se recollen no acordo.