Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Amtega comparte a súa visión de futuro das competencias dixitais no Encontro Nacional de Responsables de Redes organizado pola asociación “Somos digital”

• No encontro online de dous días, organizado pola Asociación Somos Digital, os responsables de Redes de Competencias Dixitais presentaron os seus plans de futuro, así como exemplos de boas prácticas e leccións aprendidas
• A Rede CeMIT estivo presente en ambas sesións e puxo en valor o traballo realizado ao longo destes anos
• A representación galega presentou a súa nova visión de futuro no eido da inclusión dixital, as vocacións tecnolóxicas e as competencias dixitais en liña coa Estratexia Galicia Dixital 2030


A Rede CeMIT, liderada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), participou no Encontro Nacional de Responsables de Redes de Competencias Dixitais. O acto foi organizado virtualmente pola Asociación Somos Digital, unha comunidade da que a Rede CeMIT forma parte xunto con outras 13 redes de telecentros. Somos Digital foi constituída no ano 2008 co fin de agrupar institucións, entidades e colectivos que traballan na creación, dinamización e mantemento de espazos públicos dedicados ao fomento da Sociedade da Información.

Grazas á labor dos máis de 2.150 centros de competencias dixitais que integran a Asociación ao longo de toda a xeografía española, xunto coa participación de 1.440 formadores e dinamizadores, estase a traballar na alfabetización e capacitación dixital de 1,96 millóns de persoas usuarias a nivel nacional a través da realización actividades en diferentes temáticas, das que a máis demandadas son:
• Alfabetización Dixital.
• Competencias dixitais para a mellora da empregabilidade.
• Vocacións tecnolóxicas e empregos dixitais: STEAM, programación, robótica educativa, etc.
• Actividades Maker: fabricación, creatividade, deseño e impresión 3D, etc.
• Formación e asesoramento tecnolóxico a emprendedores e pequenas empresas.
• Certificación de competencias dixitais.
• Impulso de proxectos de innovación social.


Encontro de Responsables de Redes
A Asociación Somos Digital, anualmente organiza un Encontro de Responsables de Redes coa finalidade de reforzar lazos entre as entidades partícipes da asociación a nivel nacional, desenvolvendo unha rede colaborativa de intercambio de ideas, boas prácticas e contidos. Este ano, dada a situación da pandemia, organizouse un encontro online.

A Rede CeMIT participou activamente tanto nas sesións do día 5 de maio como na do día 6 de maio para presentar os seus plans de futuro e visión estratéxica de cara aos vindeiros próximos dous anos no eido da inclusión dixital, as vocacións tecnolóxicas e as competencias dixitais en liña coa Estratexia Galicia Dixital 2030, así como para compartir co resto de redes presentes, as leccións aprendidas, especialmente, neste último ano marcado pola extraordinaria situación trala chegada da Covid-19.

Así mesmo, tamén se deu visibilidade ás boas prácticas e proxectos de interese postos en marcha co obxectivo de que a experiencia sirva de exemplo e inspiración para outras redes.

Este acto contou ademais cunha completa axenda nas que destacan as intervencións como a de Clara Centeno, investigadora do Instituto de Prospectiva Tecnolóxico do Joint Research Centre (JRC-IPTS) da Comisión Europea ou Javier Miranda, Responsable da Área de Formación e Emprego de DigitalES que expuxeron as súas visións sobre as iniciativas da Comisión Europea no marco das competencias dixitais así como a situación actual do Sector TIC, respectivamente.

Principais conclusións do Encontro
Son moitos os pasos dados por parte das comunidades autónomas, entidades e organismos no eido da capacitación e inclusión dixital da cidadanía, pero aínda queda traballo por recorrer para conseguir que a cidadanía dispoña das competencias dixitais necesarias en todos os ámbitos da vida, para o traballo, o lecer e a comunicación. Polo que será clave para o futuro, continuar avanzando na ampliación de servizos de formación, acompañamento, sensibilización en novas tecnoloxías, certificación,... sempre adaptados ás distintas necesidades da cidadanía.

O encontro permitiu coñecer os plans e políticas a nivel europeo e nacional en materia de impulso de competencias dixitais, mostrar iniciativas nacionais interesantes que sexan de aplicación, intercambiar experiencias e boas prácticas das propias redes da Asociación, e poñer en común metodoloxías e recursos para ser reutilizados entre os diferentes socios.

A Rede CeMIT
A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 91 concellos, está integrada por 97 aulas e está presente en 52 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.