A Amtega abre mañá o prazo de inscrición no curso para obter a certificación galega de Competencias Dixitais en Ofimática da Xunta

Luns 23 de Xaneiro de 2017

A Amtega abre mañá o prazo de inscrición no curso para obter a certificación galega de Competencias Dixitais en Ofimática da Xunta

As persoas inscritas terán que superar un exame presencial, tras o seguimento dun curso preparatorio na modalidade de teleformación titorizada
No mes de marzo abriranse novas convocatorias de avaliación para aquelas persoas que xa posúan os coñecementos necesarios adquiridos por calquera outra vía ou por autoformación
O certificado, que emite a Amtega, acredita a capacitación en ofimática da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá o prazo de inscrición para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática. Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no DOG, con 180 prazas para o curso de teleformación preparatorio previo ao exame presencial que terá lugar no mes de xuño.

Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos, estar dado de alta como usuarios da rede CeMIT e abonar a taxa correspondente aos dereitos de exame. O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

O prazo de inscrición será de cinco días hábiles a partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas deberán aboar no prazo de cinco días desde a data da súa notificación a taxa de 10 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.

Plan Formativo Ofimático de Galicia

Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)

• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)

• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)

• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)

• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT (https://cemit.xunta.es/ema), baixo a modalidade de autoformación.

Próximas convocatorias de exames presenciais

Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2017, que terá a súa continuación cun novo curso de teleformación titorizada previsto para o segundo semestre (no mes de setembro).

Ademais destes cursos preparatorios, realizaranse ao longo deste ano dúas novas convocatorias de exames presenciais en marzo e outubro para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios – ben pola súa experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras vías ou que opten pola modalidade autoformativa-, ata chegar a un número superior ás 1.100 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no dito plan.

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 1.200 as prazas convocadas en cursos de teleformación titorizada e 2.438 as persoas que se someteron á avaliación dos seus contidos nas diferentes edicións das probas presenciais convocadas e que se realizaron en diversas aulas da rede CeMIT.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.