A Amtega, a EGAP e os sindicatos colaborarán para facilitar o acceso dos empregados públicos á certificación de competencias dixitais en ofimática de Galicia

Domingo 31 de Marzo de 2013

A Amtega, a EGAP e os sindicatos colaborarán para facilitar o acceso dos empregados públicos á certificación de competencias dixitais en ofimática de Galicia

Os traballadores do sector público que participen en cursos de ofimática integrados no Acordo de formación para o emprego das administracións públicas coincidentes co Plan Formativo Ofimático de Galicia poderán acceder ao certificado grazas a unha proba presencial

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) asinarán convenios cos sindicatos presentes na Administración autonómica para facilitar o acceso dos empregados públicos ao Certificado de Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX).

Os sindicatos, como entidades promotoras de cursos no marco do Acordo de Formación para o Emprego das Administracións Públicas (AFEDAP), imparten accións formativas que teñen os mesmos contidos que o Plan Formativo Ofimático de Galicia. Co obxectivo de aproveitar esta coincidencia e facilitar o acceso ao certificado en competencias, os acordos que se están a asinar permitirán que os traballadores que superen os cursos AFEDAP coincidentes co Plan Ofimático poidan acceder ao CODIX a través dun exame presencial.

Os interesados en acceder a esta proba deben ter realizados cursos correspondentes co Plan Formativo Ofimático de Galicia, cuxo contido actualmente coincide co descrito no módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade.

O certificado de competencias dixitais en ofimática, que emite a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, permitiralle á persoa titular acreditar as súas competencias en tecnoloxías da información e as comunicacións en materia de ofimática.

A Administración autonómica aprobou en 2011 o Decreto de competencias dixitais para establecer un mecanismo normalizado de certificación destes coñecementos. Entre os obxectivos desta norma está o de simplificar o acceso e promoción na función pública, eliminando probas para comprobar os coñecementos nesta materia tanto de funcionarios como de opositores. Ademais contribúe a fomentar o uso eficiente e eficaz das tecnoloxías da información e as comunicacións no persoal das administracións públicas.

Plan Formativo Ofimático na EGAP

Este plan, que foi elaborado pola Amtega e coa participación das consellerías con competencias en materia de educación, e traballo e a Dirección Xeral da Función Pública, inclúe, na modalidade presencial ou de teleformación, as seguintes actividades formativas: sistema operativo, busca de información, internet/intranet e correo electrónico; aplicacións informáticas de tratamento de textos; aplicacións informáticas de follas de cálculo; aplicacións informáticas de bases de datos relacionais  e aplicacións informáticas para prestacións: gráficas de información, tanto en software libre como propietario.

Durante o presente ano, a EGAP ten convocadas para estes cursos 2.500 prazas na modalidade de teleformación e 3.500 máis para a quenda libre destinadas aos empregados públicos da Administración autonómica. Mediante este último sistema os alumnos só terán que superar un exame das materias que asegure o seu coñecemento.