Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

A Agadic apoia a estrea da curtametraxe ‘Van’, realizada por estudantes de Comunicación Audiovisual

> A proxección desta ‘road-movie’, nacida no marco do último Curso de Medios Audiovisuais de Celanova e rodada no Val Miñor, tivo lugar hoxe no Teatro Principal de Pontevedra

> Está dirixida por Claudia Alonso e Cristina Burgos e conta coa interpretación a cargo de alumnado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia


O Teatro Principal de Pontevedra acolle esta tarde a estrea de Van, unha curtametraxe rodada a modo de road-movie de xénero dramático por un grupo de 14 estudantes do grao de Comunicación Audiovisual. O proxecto xurdiu no pasado XIV Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, unha iniciativa formativa da Fundación Carlos Casares e a Universidade de Vigo, que conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Educación e Cultura.

En concreto, Van é o resultado do taller Celanova, plató de ficción dirixido polo profesor Paulino Pérez, quen se ocupou da produción executiva do filme coa finalidade de achegarlle unha experiencia de rodaxe profesional ao alumnado que participou na súa creación, dende a súa pre-produción e rodaxe ata a súa promoción e distribución. Dirixida por Claudia Alonso e Cristina Burgos, e producida por Cecilia Gil e Laura Pena, na curta participan catro intérpretes: Michal Kamac, Alejandro Izquierdo, David Carbó e Lidia Veiga, tres deles estudantes da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) seleccionados mediante casting.

Van foi rodada en 4K, un formato de ultra alta definición, percorrendo durante seis días as estradas das diferentes paisaxes naturais dos concellos de Tomiño, Oia, Nigrán e Baiona. Nun estilo próximo á road movie, narra a historia de Unai e Gabi, dous amigos que emprenden unha viaxe inesperada en furgoneta. Polo camiño vanse atopar con persoas que cambiarán a súas perspectivas e lles axudarán a superar os seus conflitos.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou no acto de presentación do filme, no que interveu para situar esta estrea no programa formativo da Consellería dedicado a reforzar os coñecementos audiovisuais dos profesionais do sector e das novas promocións, así como a fomentar a creación para que agromen novos talentos.

A curta contou tamén coa colaboración da Deputación de Ourense, de GMProvideo e do Concello de Nigrán.