Polo tecnolóxico do Gaiás
Polo tecnolóxico do GaiásO Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de HPE e o centro de innovación social dixital Conecting for good Galicia de Vodafone abren as súas portas na Cidade da Cultura A Xunta está a consolidar un polo tecnolóxico na Cidade da Cultura. Tres das multinacionais asistentes do Pacto Dixital de Galicia están a desenvolver diferentes iniciativas desde o Gaiás. O Centro de crowdworking de Telefónica ten acollido 150 iniciativas emprendedoras, HPE abriu un centro especializado en Bussines Intelligence e Big Data e Vodafone pon en marcha Connecting for good Galicia para impulsar proxectos de innovación social dixital. Galicia conta xa cun centro especializado Bussiness Intelligence e Big Data, grazas ao compromiso adquirido por Hewlett Packard Enterprise (HPE) como unha das 13 empresas tecnolóxicas asinantes do Pacto Dixital da Xunta, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), para impulsar o desenvolvemento tecnolóxico na Comunidade. O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN), abriu as súas portas no Museo da Cidade da Cultura. Cincuenta expertos da compañía desenvolven desde o CEIN proxectos para clientes nacionais e internacionais na área da analítica de datos, ofrecendo solucións a medida para mellorar a súa visión de negocio e o rendemento das súas organizacións. Ademais, o CEIN ofrecerá a titulados universitarios asesoramento especializado a través do seu programa “Observatorio Tecnolóxico HPE”, que está a desenvolver coa Universidade de Santiago de Compostela. A iniciativa pon a disposición dos titulados unha rede de titores que apoiarán aos participantes nas diferentes fases do programa, desde a orientación do proxecto de fin de carreira ou grao cara a necesidades reais de posibles clientes ou proxectos; ou mediante prácticas na empresa coa obtención de certificacións oficiais. Para o desenvolvemento desta iniciativa, a compañía reservou un espazo de networking no Centro de Emprendemento do Gaiás. O programa de Observatorios Tecnolóxicos de HPE busca achegar as novas tecnoloxías á Universidade e xerar unha canteira de talentos fomentando as vocacións tecnolóxicas en todos os sectores da economía. Innovación Social Dixital A esta iniciativa súmase, Conecting for good Galicia de Vodafone, un Centro de Innovación Social Dixital, impulsado por Vodafone. O operador, adherido tamén ao Pacto Dixital, reforza o seu compromiso coa Comunidade coa posta en marcha no Gaiás dun espazo para impulsar proxectos empresariais de base tecnolóxica orientados a resolver retos sociais no ámbito da educación, a saúde, a participación cidadá e, especialmente, aqueles deseñados para mellorar a calidade de vida e a integración das persoas con discapacidade e as persoas maiores. Conecting for good abriu as súas portas en setembro a seis proxectos empresariais en cada unha do tres convocatorias previstas que recibirán unha axuda da Administración autonómica de 2.000 euros cada un; optarán a un premio 25.000 euros por convocatoria e, ademais, a mellor iniciativa de cada convocatoria poderá acceder, tamén, ao premio de 10.000 euros de Vodafone “Conectados pola Accesibilidade”. Galicia Open Future Con estes novos proxectos dáse continuidade á senda iniciada por Telefónica. O operador foi a primeira compañía en desenvolver un proxecto dentro do compromiso do Pacto Dixital da Xunta, inaugurando en 2014 Galicia Open Future no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura. Por esta aceleradora de empresas pasaron xa 100 iniciativas de base tecnolóxica nas súas dúas primeiras edicións. Nunhas semanas outras 50 startups accederán á terceira edición deste programa que lles proporciona formación e adestramento especializado, adaptados ás diferentes fases de maduración de cada iniciativa e ao seu modelo de negocio. As máis de 400 candidaturas presentadas ás tres edicións pon de manifesto o talento tecnolóxico que hai en Galicia. Polo tecnolóxico Desde a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) no ano 2012 e a súa instalación no edificio CINC da Cidade da Cultura, o obxectivo da Xunta foi impulsar a creación dun polo tecnolóxico que aglutine no Gaiás os servizos empresariais TIC para o sector público e que dea cabida a outras iniciativas tecnolóxicas da Comunidade. Unisys trasladou o seu centro de traballo con preto dunha decena empregados ás instalacións do Museo e outras 13 empresas TIC galegas, nacionais e multinacionais, desenvolven desde o Gaiás diferentes iniciativas de transformación dixital en colaboración con Amtega. Preto de 90 profesionais de Altia, PricewaterhouseCoopers (PwC), Everis, Informática O Corte Inglés, Álamo Consulting, Balidea, Eosa, GMV Innovation e Solutions, Tecnocom, Seresco, Indra e HPEE traballan desde o “Espazo Empresas” do CINC e desde as instalacións do Museo de Galicia en proxectos do ámbito da Administración electrónica; da modernización do transporte co Centro de Mobilidade de Galicia, ou da xestión e seguridade as infraestruturas tecnolóxicas corporativas, entre outras. |