Axenda Dixital de Galicia 2020 - Balance 2015 - 2020

Axenda Dixital de Galicia 2020 - Balance 2015 - 2020

Axenda Dixital de Galicia 2020 - Balance 2015-2020


No período 2015-2020 mobilizou un investimento de máis de 900 millóns de euros, entre capital público e privado 

A Axenda Dixital de Galicia 2020 mobilizou no período 2015-2020 máis de máis de 1.594 millóns de euros, 541,6 deles de capital privado, para impulsar a transformación dixital da Comunidade. Así se recolle no balance publicado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) no que se recollen as principais actuacións desta estratexia.

Cinco anos de Axenda Dixital 2020

En canto ao proceso de dixitalización da Administración, as xestións online a través da sede electrónica da Xunta supuxeron un 78% de todas as realizadas con máis de 1780 procedementos e máis dun millón de presentacións na sede electrónica. O contexto COVID propiciou unha tramitación electrónica integral de procedementos salientables coma expedientes de regulación temporal de emprego (ERTEs) ou a concesión do bono turístico ou programas de recuperación de sectores económicos, ademais da xestión automatizada de axudas para apoiar sectores económicos afectados pola COVID.

Potenciouse o catálogo de datos abertos da Xunta de Galicia, coa incorporación de novos datasets e mellorando a accesibilidade do portal Abert@s , como aspecto clave nas iniciativas de reutilización.

Potenciáronse compoñentes esenciais como as notificacións electrónicas ou a plataforma de interoperabilidade Pasaxe! No 2019 publicouse a Lei da Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA) completando o marco normativo galego para consolidar unha administración dixital máis accesible e proactiva e universalizar o uso e acceso da cidadanía aos servizos públicos dixitais. E, ao seu abeiro, deseñáronse as bases do novo marco de competencias dixitais , aliñado coas estratexias europeas na materia.  Así mesmo, a través do Plan Senda 2020 avanzouse na implantación do Expediente Xudicial Electrónico (EXE) coa instalación de 40 salas de vista dixitais.

No ámbito o ensino integramente dixital en Galicia beneficia a 34.000 alumnos. Ao mesmo tempo promovéronse os coñecementos STEM co STEMbach en 38 centros de toda Galicia. Ademais, no marco do Plan de Inclusión Dixital impulsáronse novas iniciativas coa a colaboración de máis de 900 Aliad@s Dixitais, conseguindo achegar a tecnoloxía a máis de 96.600 galegos a través da Rede de Aulas públicas CeMIT

Desenvolvéronse actuacións para mellorar a conectividade do tecido e os despregamentos para a extensión de redes en núcleos de menos de 300 habitantes. En 2018 aprobouse o Plan Galicia 5G que permitirá a realización de 9 pilotos con esta tecnoloxía na Comunidade, aos que se sumarán outros 9 grazas a unha convocatoria estatal

Nestes anos afondouse no aproveitamento e potenciación dos recursos turísticos e patrimoniais galegos a través das tecnoloxías dixitais co desenvolvemento do Plan Smart Turismo e a creación da Memoria dixital de Galicia, avanzando na conformación dun fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial.

Realizouse unha importante aposta pola transformación dixital do sector primario co programa Primare: no eido agrario desenvolvéronse proxectos CPTi para a automatización das inspeccións das axudas da PAC e no sector do mar dixitalizáronse 14 lonxas. No eido concreto da mobilidade, iniciouse o desenvolvemento do Plan e-Mobility para a dixitalización integral dos procesos e a modificación da oferta de transporte que permita acadar servizos máis próximos aos usuarios; e afondouse na consolidación de SAEGAL. Do mesmo xeito, mantívose o impulso a programas destinados á dixitalización do tecido empresarial galego e reforzáronse os apoios para acelerar a implantación da Industria 4.0.

Nestes anos impulsouse a innovación tecnolóxica e a competitividade en torno ao sector TIC como un piar fundamental para competir na nova economía dixital ao tempo que se fomentou o emprendemento TIC a través dunha ampla gama de apoios dirixidas ás distintas fases de
desenvolvemento.

Neste senso, cabe destacar no 2019 o apoio á creación dos primeiros Hubs de Innovación Dixital en Galicia , que facilitan especialmente ás pemes acceso ás tecnoloxías dixitais e demais ferramentas necesarias para a transformación dixital. Ademais, ao abeiro do Plan DICO Mindset para impulsar os contidos dixitais en Galicia, leváronse a cabo iniciativas que permitiron aproveitar as oportunidades que ofrece este sector, destacando o proxecto de innovación tecnolóxica para adaptar as emisións da CRTVG ás novas demandas do mercado. E desenvolveuse e ampliouse o catálogo de actuacións do Plan DigiTalent , en colaboración cos axentes do ecosistema dixital, para promover as vocacións científico tecnolóxicas entre os máis novos e promover a súa adaptación aos novos perfís dixitais.

Durante este período traballouse na posta en marcha de iniciativas orientadas a incrementar as posibilidades de éxito na resolución de situacións de emerxencia no territorio, como a Rede Dixital de Emerxencias e Seguridade de Galicia ( Resgal ) actualizando e mellorando as súas funcionalidades. Así mesmo, grazas á abordaxe das actuacións no marco do Plan Banda Larga de Galicia 2020 melloráronse as infraestruturas de telecomunicacións da Comunidade, aumentando a cobertura poboacional e reducindo a fenda dixital entre as zonas rurais e as urbanas.
Tamén se avanzou nas medidas do Plan Galicia 5G para posicionar á Comunidade como territorio preferente na fase de pilotaxe de solución, desenvolvendo as primeiras probas de concepto con esta tecnoloxía. Do mesmo xeito, desenvolvéronse accións do Plan de Seguridade TIC 2015 2020 , e reforzouse cara ao 2021, incidindo na capacitación e concienciación de empresas e cidadáns sobre a ciberseguridade.

Estratexia Galicia Dixital 2030

Transcorridos seis anos da vixencia da ADG2020, é momento de facer balance para garantir a coherencia entre os resultados parciais e os obxectivos globais establecidos ao inicio da estratexia. 

Un camiño que culminou no 2020 coa aprobación da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) polo Consello da Xunta o 3 de decembro. A folla de ruta que determina o punto de inflexión de Galicia onde iniciar o camiño para construír e compartir o futuro dixital de Galicia, onde o uso das tecnoloxías dixitais contribúe a aumentar a calidade de vida e o desenvolvemento sostible nas súas tres vertentes: social, económica e medio ambiental.

Para máis información pode consultar o texto íntegro do balance.