Presentación do Mestrado en Tratamento e Protección de Datos da USC

Martes 24 de Outubro de 2017

Presentación do Mestrado en Tratamento e Protección de Datos da USC

Descrición:

Dona Mar Pereira Álvarez, directora da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) acompañada de D. José Xullo Fernández, director do Centro de Estudos de Seguridade da USC (CESEG) e Dona Luz Mª Ruibal Pereira, Directora do Mestrado, presentarán a primeira edición do Mestrado en tratamento e protección de datos da USC.

A oportunidade da celebración deste Mestrado vén determinada pola inminente obrigación que terán as administracións públicas, institucións, organizacións e empresas de dar cumprimento, a partir de maio de 2018, ás esixencias emanadas do novo Regulamento Europeo (RGPD).

O RGPD describe a necesidade de que o responsable do tratamento aplique medidas técnicas e organizativas apropiadas a fin de garantir e poder demostrar que o tratamento é conforme co Regulamento. En termos prácticos, requírese que as organizacións analicen que datos tratan, con que finalidades fano e que tipo de operacións de tratamento levan a cabo. A partir deste coñecemento deben determinar de forma explícita a forma en que aplicarán as medidas que o RGPD prevé, asegurándose de que esas medidas son as adecuadas para cumprir co mesmo e de que poden demostralo ante os interesados e ante as autoridades de supervisión.

O cadro docente está conformado por profesores e profesionais de recoñecido prestixio e o formato será eminentemente en liña e telemático, o que facilitará o seu seguimento, contando con tres Master-Class impartidas por responsables de institucións e organismos especializados en protección de datos. O título impartirase entre os meses de xaneiro e setembro de 2018. 

A consecución do mesmo habilitará aos seus alumnos para certificarse profesionalmente como Delegado de Protección de Datos (DPO), nova figura contemplada no Regulamento Europeo e que deberán estar nomeados en todas as administracións Públicas (interna ou externamente) e empresas do sector privado que traten datos especialmente protexidos antes de maio de 2018.

Lugar: Facultade de Dereito da USC

Horario: De 12:00 horas a 13:00 horas

Para consultar máis información, prema aquÍ (https://www.masterprotecciondatos.com/)

Martes 24 de Outubro de 2017