A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia promove as vocacións e talento femininos no Día Internacional das rapazas nas TIC

Monday 24 de April de 2023

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia promove as vocacións e talento femininos no Día Internacional das rapazas nas TIC

• A Rede CeMIT e o Centro GaiásTech celebran unha xornada lúdica formativa destinada ao alumnado de entre 8 e 14 anos
• Esta iniciativa persegue impulsar o talento tecnolóxico entre as mulleres, que actualmente representan o 34 % das persoas matriculadas en titulacións tecnolóxicas, a pesar de ser máis do 55% do total do alumnado das universidades
• Aumenta nun 5,5% o total de mulleres empregadas no sector TIC, ata o 32,9%


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia celebrará o 27 de abril, o Día Internacional das rapazas nas TIC cunha xornada no centro GaiásTech da Cidade da Cultura e na Rede CeMIT, dirixida ao alumnado de entre 8 e 14 anos. As actividades programadas nesta xornada terán como obxectivo fomentar o interese no sector tecnolóxico entre as persoas máis novas.

A xornada comezará coa actividade interactiva “Coñece a importancia da muller nas TIC”, na que se realizará un breve percorrido histórico sobre a relevancia da muller neste ámbito. Haberá tamén unha charla da xornalista e presentadora Esther Estévez do programa da CRTVG “Dígocho Eu”.

A sesión rematará cun taller de robótica no que os rapaces e rapazas poderán programar e poñer en funcionamento un vehículo e experimentar de primeira man a aplicación práctica da robótica e a programación. As persoas que desexen inscribirse ao evento poden facelo na seguinte ligazón, as que non poidan asistir de maneira presencial poderán seguir as dúas primeiras actividades online que se retransmitirán dende o GaiásTech a través desta ligazón.

 

Presenza das mulleres nas carreiras STEM e no sector das TIC

Coa iniciativa do “Día das rapazas nas TIC” perséguese impulsar e fomentar as vocacións STEM entre as rapazas, co fin de aumentar a presenza da muller no sector tecnolóxico.

Os datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), indican que, a pesar que as mulleres representan máis do 55% do total do alumnado nas universidades galegas, no ámbito dos graos universitarios STEM, a porcentaxe de mulleres matriculadas representan o 34%. No caso das ciencias, as mulleres son maioría, pero a porcentaxe nas enxeñarías e tecnolóxicas descende ata o 26%. Na informática e comunicacións son o 13,8% e no resto de enxeñarías, o 28,5%.

A inserción laboral e lixeiramente superior no caso das mulleres. Segundo un estudo da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), a porcentaxe de inserción de persoas tituladas en carreiras STEM  sitúase no 86,6% no caso dos homes e no 87,3% entre as mulleres. A fenda de xénero nas retribucións do conxunto de persoas con titulación STEM, é case nula.

No eido do Hipersector TIC, segundo datos do OSIMGA, a porcentaxe de mulleres empregadas sobre o total do persoal foi en 2022 do 32,9%, o que supón un total de 8.983 mulleres empregadas, cun crecemento do 5,5% respecto ao ano 2021.

Das persoas que realizan tarefas tecnolóxicas no sector TIC, o 21,3% son mulleres. A fenda de xénero é máis evidente no caso dos ciclos formativos: un 29,3% do persoal técnico son homes con formación profesional (FP2 ou FP1) fronte ao 5,7% de mulleres.

Os resultados detallados pódense consultar na web www.osimga.gal
 

Vocacións e talento feminino para liderar o cambio tecnolóxico en Galicia

As actividades  do Día Internacional das Rapazas nas TIC forman parte do Plan para o Impulso da Inclusión, Capacitación e Talento Dixital en Galicia, DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, e contribúe aos obxectivos de estimular o talento precoz no ámbito das tecnoloxías, así como, fomentar o atractivo vocacional de profesións científico tecnolóxicas desde idades temperás e promover a redución da fenda de xénero para contribuír ao aumento da taxa de mulleres en carreiras técnicas.