A Xunta pon a disposición das administracións públicas unha guía coas pautas para a implantación dunha Intelixencia Artificial segura e eficiente

Saturday 20 de January de 2024

A Xunta pon a disposición das administracións públicas unha guía coas pautas para a implantación dunha Intelixencia Artificial segura e eficiente

O obxectivo do documento é que administracións e organismos públicos poidan aproveitar todas as potencialidades da automatización dos procesos e a xestión intelixente dos datos coa máxima seguridade para as persoas
As guías e códigos de conducta son un complemento a aspectos cun carácter máis normativo recollidas na lexislación sobre IA, que está en fase de creación
A Xunta está a elaborar a primeira Lei de Intelixencia Artificial en Galicia que permitirá un uso eficaz, eficiente, ético e seguro desta tecnoloxía na Administración xeral e no sector público autonómico da Comunidade

A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acaba de publicar unha Guía coas pautas que poden seguir as administracións públicas para garantir un uso eficiente e seguro da intelixencia artificial.

A intelixencia artificial permite hoxe axilizar e simplificar os procesos administrativos coas tecnoloxías de automatización; así como ofrecer un trato máis eficaz e personalizado, grazas á xestión intelixente dos datos. A Xunta de Galicia quere facilitar a adopción desta tecnoloxía a todas as administracións e para iso pon á súa disposición a Guía práctica para a xestión da intelixencia artificial nas administracións públicas.

O documento, que está dispoñible na web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten como obxectivo que as Administracións e organismos públicos poidan aproveitar todas as potencialidades da automatización dos procesos e a xestión intelixente dos datos coa máxima seguridade para as persoas, os seus dereitos e a súa intimidade.

Para garantir un uso eficiente e seguro da intelixencia artificial é necesario que as persoas que traballan na Administración coñezan, nas súas respectivas responsabilidades, aspectos como a identificación e avaliación de oportunidades de uso da IA, ou o deseño, desenvolvemento e implantación das ferramentas necesarias. É tamén imprescindible coñecer os riscos da intelixencia artificial e ter a capacidade de xestionalos. Neste sentido, a guía proporciona información tanto sobre o ciclo de vida dos sistemas de IA como as necesidades de xestión de riscos.

De acordo cos criterios estratéxicos da Unión Europea, as guías e códigos de conducta son un complemento aos aspectos de carácter normativo que recolle a lexislación sobre intelixencia artificial que está en fase de creación.

Futura lei de impulso da Intelixencia Artificial en Galicia

De xeito paralelo, a Xunta está a preparar a Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, unha norma que permitirá un uso eficaz, eficiente, ético e seguro desta tecnoloxía na Administración Xeral e no sector público autonómico de Galicia

A lei establecerá os principios éticos para o deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de IA por parte da Administración baixo criterios de dilixencia, auditabilidade, explicabilidade, transparencia, imparcialidade, ausencia de prexuízos, seguridade ou privacidade.