Ecosistema dixital de Galicia

Ecosistema dixital de Galicia

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten entre as súas competencias impulsar o hipersector TIC como elemento tractor que contribúa a incrementar a competitividade e o emprego na Comunidade.


As primeiras axendas dixitais impulsadas pola Administración autonómica galega contan entre os seus primeiros resultados a consolidación dun sector tecnolóxico galego competitivo, innovador e xerador de emprego cualificado, capaz de converterse nun  dos motores da economía. Para iso, puxéronse en marcha diferentes iniciativas, entre elas o Programa TransformaTIC, o Pacto Dixital de Galicia ou o primeiro Plan DigiTalent. 


Tras unha década de transformación dixital, Galicia conta cun ecosistema dixital robusto, cun hipersector TIC que incrementou nun 40% o número de persoas traballadoras, pasando de 15.871 en 2010 a 21.803 en 2022. Actualmente, representa preto do 3% do PIB galego e suma ao redor de 3.000 empresas. O ecosistema tecnolóxico galego integra, ademais, os centros singulares de investigación -o CiTIUS, o CITIC ou AtlanTTic-, así como os dous ‘hubs’ de innovación dixital que suman as capacidades de máis de 4.200 empresas e entidades que empregan a preto de 120.000 persoas, o que representa o 10% do emprego de Galicia.


Nesta nova década, o reto é a consolidación da especialización tecnolóxica de Galicia e a creación, retención e atracción de talento. Estes obxectivos intégranse nun eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030 e aséntanse nas actuacións dos nodos de Ciberseguridade, 5G e Intelixencia Artificial e no Plan para o impulso da Inclusión, Capacitación e Talento Dixital en Galicia, DigiTalent 2030: Camiña en Dixital.