O programa de voluntariado dixital da Xunta facilita a doazón de equipos informáticos a tres asociacións sen ánimo de lucro

Saturday 23 de December de 2023

O programa de voluntariado dixital da Xunta facilita a doazón de equipos informáticos a tres asociacións sen ánimo de lucro

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia facilita a doazón de 30 equipos por parte da consultora multinacional NTT DATA á Asociación de veciños de A Pontenova, Asociación Espazo Aberto Galiza e Asociación Ambar
Os equipos doados destinaranse a reforzar a formación, a accesibilidade, a empregabilidade e a inclusión dixital da cidadanía

A Asociación de Veciños de A Pontenova, a Asociación Espazo Aberto Galiza e a Asociación Ambar de persoas con Diversidade Funcional da Coruña recibiron esta semana un total 30 equipos informáticos da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración coa consultora multinacional de negocio NTT DATA, un dos mecenas do programa de Voluntariado dixital da Xunta.

A doazón realizada permitirá á Asociación Ambar incrementar a realización de accións de formación e capacitación prelaboral no seu Centro Ocupacional ensinando as competencias básicas e habilidades para o emprego e para a realización de xestións diarias: citas médicas, compra online etc.

A Asociación de Veciños de A Pontenova destinará os equipos á realización de cursos de informática, tanto para persoas maiores como para os máis novos e novas. A entidade Espazo Aberto Galiza destinará o equipamento a reforzar os seus recursos para poder realizar actividades de educación intercultural e tempo libre e facilitar as xestións documentais da entidade.

Voluntariado Dixital

Esta doazón, enmarcada no Programa de Voluntariado Dixital (VOLDIX), promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, reforza a oferta de formación dixital para a mellora das competencias dixitais no conxunto da sociedade galega e reducir a fenda de acceso aos servizos dixitais.

A  través do programa, a Axencia autonómica artella o esforzo e as necesidades dos máis de 1.000 aliados dixitais cos que conta na actualidade e entre os que se atopa NTT DATA, que leva colaborando coa Xunta de Galicia a través do Programa de Voluntariado Dixital desde 2012 e como aliado dixital, desde 2016.

Neste ecosistema dixital formado por persoas voluntarias, organismos colaboradores e entidades públicas e privadas trabállase para consolidar a capacitación dixital da cidadanía, así como na promoción e divulgación dos servizos e beneficios da Sociedade da Información.