A Xunta destaca a importancia de promover o talento dixital para afrontar a especialización tecnolóxica de Galicia

A Xunta de Galicia aposta por afrontar a especialización tecnolóxica de Galicia impulsando a promoción do talento dixital e contribuíndo ao fortalecemento do hipersector TIC, como se plasma nos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2020. Así o destacaba esta mañá o director de Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Miguel Rodríguez, na mesa- debate de apertura de Galicia TIC, na que participaron o director de EDISA, Carlos Suárez; o CEO de IMATIA, Fernando Vázquez; e a presidenta da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (INEO), Lourdes Guerra.
Na súa intervención, o responsable de Sociedade Dixital da Axencia autonómica lembrou os pasos dados pola Xunta para avanzar na especialización tecnolóxica da Comunidade como a posta en marcha dos nodos 5G, de ciberseguridade e de Intelixencia Artificial, fomentando a colaboración público privada para impulsar estas tecnoloxías disruptivas. Ademais, recordou que Galicia foi das primeiras comunidades en contar cunha Estratexia de Intelixencia Artificial, que xunto co Nodo GalicIA e a elaboración dun marco ético e normativo galego sobre o uso desta tecnoloxía foron factores chave na elección da Comunidade como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial.
Por outra banda, a Administración autonómica está a desenvolver diferentes iniciativas para incorporar as tecnoloxías disruptivas como a estratexia GobTech para impulsar o uso de tecnoloxías avanzadas por parte do sector público en colaboración coas pemes e start-ups galegas; a plataforma territorio intelixente, o xemelgo dixital de Galicia ou a Rede Galega de IoT para a sensorización do territorio. Unhas iniciativas que permitirán realizar simulacións e análises preditivos sobre o impacto da acción da sociedade sobre a contorna.
21 edición Galicia TIC
A Cidade da Cultura acolle hoxe e mañá a 21 edición de Galicia TIC, que este ano se desenvolver baixo o lema “Impulsar o crecemento e o talento dixital en Galicia”. Consolidado como un encontro de referencia do sector na Comunidade, ademais de conferencias e mesas temáticas, conta tamén cunha feira de emprego centrada no sector TiC, stands para asesoramento e espazos de networking.