A EGAP acolle un curso superior organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia sobre protección de datos dirixido a persoal empregado público

Thursday 21 de September de 2023

A EGAP acolle un curso superior organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia sobre protección de datos dirixido a persoal empregado público

• Participan 70 persoas que recibirán formación tanto dende un punto de vista técnico xurídico como dende unha visión práctica

• O curso abordará aspectos como a responsabilidade da Administración no tratamento de datos, a intelixencia artificial ou a videovilixancia

• Foi inaugurado hoxe pola directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, e prolongarase ata o 19 de decembro

Un total de 70 persoas empregadas públicas participan dende hoxe na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) no Curso superior en Protección de Datos, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Nodo CIBER.gal. O curso conta coa colaboración da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

O curso foi inaugurado esta mañá pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o directora da Axencia autonómica, Julián Cerviño; e o director da acción formativa, Gustavo Herva.

Os organizadores destacaron o alto interese mostrado polo persoal empregado público, que fixo necesario habilitar unha listaxe de persoas en reserva.

O curso proporcionará e actualizará coñecementos dende un punto de vista técnico xurídico, así como dende unha perspectiva práctica. Entre os obxectivos atópanse o de concienciar ao alumnado sobre a importancia do dereito fundamental á protección de datos persoais, para o que é necesaria a aplicación de boas práctica de acordo coa normativa vixente.

Tamén abordará os principios básicos de seguridade e as medidas que é necesario implantar nos sistemas de información dende a perspectiva do risco. Así mesmo, proporcionará aos asistentes unha visión global da protección de datos persoais, así como sobre as funcións e responsabilidades das persoas que interveñen no seu procesamento.

Entre as materias que se impartirán, destacan a responsabilidade da Administración pública no tratamento dos datos; a normativa e o réxime sancionador; a protección de datos en saúde; a intelixencia artificial ou a videovixilancia.

Julián Cerviño destacou na súa intervención os obxectivos da Xunta de avanzar nunha Administración dixital máis eficiente, personalizada e accesible, o que implica o uso de tecnoloxías que empregan datos persoais, como a xestión intelixente do datos, a intelixencia artificial ou a automatización robótica de procesos. Referiuse ás actuacións concretas previstas no III Plan de Administración e Goberno Dixital que está en marcha, como a Plataforma de Automatización Intelixente da Xunta de Galicia; o aumento da interoperabilidade a través da plataforma Pasaxe!; o novo modelo de identidade dixital ou a aplicación A Xunta no Móbil (XuntaEU).

Pola súa banda, a directora da EGAP resaltou que, ante o desenvolvemento da Administración dixital, é preciso dotar ao persoal empregado público das ferramentas necesarias para salvagardar os datos persoais que se almacenan e se transmiten en liña, algo esencial para defender os dereitos da cidadanía e preservar a confianza nas institucións. Para conseguir estes obxectivos, incidiu, a Escola oferta unha programación anual en materia de seguridade da información completa e actualizada.