Documentos e resultados

Formulario de busca

Fondos

Axenda Dixital de Galicia 2014.gal - Balance 2009-2014Axenda Dixital de Galicia 2014.gal - Balance 2009-2014

Formulario de busca

cierra cierra

Axenda Dixital de Galicia 2014.gal - Balance 2009-2014

Este Balance 2009-2014 da Axenda Dixital, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), foi presentado o 27 de maio de 2015 pola directora da Amtega, Mar Pereira, no pleno do Observatorio da Sociedade de Información e a Modernización de Galicia (Osimga).

Seis anos de políticas TIC a través de 2014.gal mobilizaron un total de 1.275 millóns de euros, entre capital público e privado, permitindo avanzar cara a unha administración máis próxima á cidadanía, facilitar ferramentas á cidadanía para adaptarse aos cambios sociais derivados das TIC, reforzar os recursos territoriais con proxectos tecnolóxicos de calado en sectores estratéxicos para Galicia, impulsar a dixitalización empresarial e universalizar a banda larga.

Unha Administración máis próxima á cidadanía
O Plan de Modernización da Administración autonómica está a conseguir unha administración aberta á cidadanía as 24 horas do día os 365 días do ano. A sede electrónica da Xunta xa permite presentar telematicamente máis de 800 procedementos, preto do 50% do total, fronte á situación inicial en que só era posible realizar o 4%.

En 2012 púxose en marcha o Centro de Proceso de Datos integral (CPDi) de Galicia que xunto coa creación da Amtega, como entidade única para a xestión das políticas tecnolóxica da Xunta, están a consolidar un aforro anual de 6 millóns de euros en gasto tecnolóxico.

No eido xudicial, a execución do Plan Senda, permitiu que o 100% das salas xudiciais conten cun sistema de videoconferencia, que o 100% dos órganos xudiciais dispoñan do sistema Lexnet de comunicacións electrónicas seguras. Ademais, consolidouse o uso dos sistemas de información Minerva e Fortuny e dixitalizouse o traballo dos forenses do IMEGLA e púxose marcha o portal da Xustiza, que albergará a sede electrónica xudicial que entrará en funcionamento este ano.

Adaptación aos cambios sociais
Todo galego/a ten a media hora de distancia do seu fogar unha das 98 aulas da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), que impartiu 147.700 horas de formación TIC gratuíta entre 2011 e 2014. Ademais, o Programa de Voluntariado Dixital (VOLDIX) estende a oferta pública de alfabetización dixital a colectivos en risco de exclusión a todo o territorio, grazas á achega de 103 entidades colaboradoras e máis de 400 voluntarios.

No ámbito educativo, o proxecto Abalar, posto en marcha no ano 2010, posibilitou xa que preto de 52.000 alumnos de 531 centros estuden en aulas dixitais. A posta en marcha no curso 2014/2015 da plataforma eDixgal de contidos dixitais gratuítos e accesibles sen conectividade, beneficia a 2.300 alumnos de 5º de primaria de 84 centros.

No ámbito sanitario, o grao de desenvolvemento tecnolóxico acadado permitiu a Galicia abordar iniciativas como o H2050 e InnovaSaúde, o maior plan de innovación sanitaria da historia de Galicia cun investimento de máis de 90 millóns de euros, orientadas a mellorar a prestación sanitaria e os servizos asistenciais.

No ano 2015 entrará en funcionamento a primeira versión da Historia Social Única, un dos fitos do Plan Trabe para a modernización tecnolóxica dos servizos sociais, permitirá acceder á información social dispoñible da cidadanía de forma unificada.

Reforzo dos recursos territoriais
Para contribuír ao fortalecemento dos sectores vinculados ao medio rural e mariño deseñáronse iniciativas tecnolóxicas como o proxecto TICPESC, a Oficina Agraria Virtual, o proxecto europeo STAMAR e o proxecto Videoguard.

Destaca tamén a posta en marcha do Plan Smart Turismo, para evolucionar cara un sector turístico máis competitivo, participativo e innovador e, no eido do Transporte, a posta en marcha da implantación do Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade (SAE), que estará operativo no segundo semestre de 2015 para permitir unha mellor xestión do transporte público de viaxeiros por estrada e unha eficiente atención aos viaxeiros.

Dixitalización empresarial
No relativo á modernización tecnolóxica do tecido empresarial, cómpre destacar que dende a creación no ano 2011 do Centro Demostrador TIC de Galicia, como punto de encontro entre a oferta do sector TIC e demanda dos restantes sectores produtivos, leva realizadas máis de 160 actividades ás que asistiron máis de 1.000 empresas.

No relativo ás medidas de impulso ao sector TIC destaca o Pacto Tecnolóxico Dixital, que asinou o Goberno galego con 12 grandes empresas do sector TIC e o Clúster TIC galego para cooperar no desenvolvemento dixital de Galicia. A posta en marcha do centro de emprendemento TIC Galicia Open Future e a extensión de cobertura 4G son as primeiras iniciativas postas xa en marcha derivadas do Pacto.

No período 2009 - 2014, cunha achega pública de máis de 103 millóns de euros, mobilizáronse máis de 228 millóns de euros para potenciar o sector da economía do coñecemento e a empresa dixital.

Universalización do servizo de banda larga
A posta en marcha do Plan Banda Larga permitiu que máis de 740.000 habitantes que carecían de cobertura de servizo de banda larga no ano 2009 dispoñan agora deste servizo. Así as actuacións do Plan incrementaron a probación con cobertura de internet do 71% ao 98% a través de redes fixas e sen fíos e o 2% restante a través de satélite.

Ademais, desde finais de 2013 máis de 1,4 millóns de galegos teñen acceso a redes de nova xeración (NGA) de ata 200 Mbps, cumprindo con dous anos de adianto o obxectivo sinalado pola Axenda Dixital para España en materia de telecomunicacións e redes ultrarrápidas.