Documentos e resultados

Formulario de busca

Fondos

Axenda Dixital de Galicia 2014.gal - balance 2009-2012Axenda Dixital de Galicia 2014.gal - balance 2009-2012

Formulario de busca

cierra cierra

Axenda Dixital de Galicia 2014.gal - balance 2009-2012

O Balance de 2009-2012 da Axenda Dixital recolle iniciativas que supoñen un investimento da Xunta de Galicia de 893 millóns de euros durante o período 2009-2012 no desenvolvemento das liñas de acción establecidas na Axenda Dixital 2014.gal. Este orzamento, que inclúe capital público e privado, permitiu avanzar na extensión de infraestruturas de telecomunicación na comunidade e nos plans de modernización da Administración e da Xustiza, así como na integración das TIC na educación, no ámbito sanitario e do benestar e no impulso do sector da economía do coñecemento.

Este Balance 2009-2012 da Axenda Dixital, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), foi presentado o 15 de abril de 2013 pola directora da Amtega, Mar Pereira, no pleno do Observatorio da Sociedade de Información e a Modernización de Galicia (Osimga).

Tres anos despois da súa posta en marcha, a Axenda Dixital de Galicia fai balance dos principais fitos das iniciativas transformadoras que marcan un cambio de rumbo claro no xeito de facer as cousas no referente ás políticas tecnolóxicas da Xunta de Galicia.

Banda larga
O Plan de banda larga dotou de cobertura a arredor de 655 0000 habitantes dos 786 000 que carecían deste servizo en 2009, é dicir, o 83 % da poboación sen servizo. Ademais, as actuacións do plan conseguiron reducir dun 20 a un 3 % a fenda dixital entre a Galicia rural e urbana. Ademais, grazas ao plan, máis de 1,1 millóns de persoas teñen acceso ás redes de nova xeración con velocidades de 100Mbps.

Galicia incrementou en preto dun 62 % o número de fogares con conexión de banda larga contratada con respecto a 2009, duplicando a media estatal e europea.

Administración eficiente e austera
Outro dos eixes de actuación da Axenda Dixital é a inclusión das TIC en todos os ámbitos dos servizos públicos para conseguir unha mellor prestación para a cidadanía e unha Administración austera e eficiente.

Nesta liña encaixa a creación en 2012 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica que xa integra baixo unha única dirección a 282 tecnólogos e os recursos orzamentarios da área tecnolóxica de seis consellerías. A Amtega constitúe un modelo de xestión integrada das TIC co que se busca ofrecer máis servizos, máis eficaces e con menos custo. A súa posta en marcha está a evitar duplicidades administrativas ao suprimir 15 departamentos administrativos, conseguindo un aforro anual de 20 millóns de euros.

Unha estratexia única para Galicia que vai acompañada da posta en marcha tamén en 2012 do Centro de Proceso de Datos Integral, que consolidará nunha única infraestrutura tecnolóxica todos os CPD  existentes, ofrecendo un servizo centralizado a toda a Administración galega e aforrando custos por valor de 3 millóns de euros.

eAdministración
O Plan de Modernización da Administración autonómica está a avanzar para conseguir unha Administración máis transparente e aberta á cidadanía as 24 horas do día os 365 días do ano. Neste sentido, a sede electrónica da Xunta permítelle á poboación galega presentar telematicamente máis de 500 procedementos, máis do 30 % dos dispoñibles e o 95 % dos de nova creación. Antes do inicio do plan só se podían xestionar electronicamente o 4 % dos procedementos.

A posta en marcha da versión electrónica do Diario Oficial de Galicia permitiu un aforro de máis de 1 100 000 euros anuais. En 2012 recibiu máis de 4,7 millóns de visitas e publicáronse máis de 13 000 anuncios.

Por outra banda, xa son 6100 os empregados públicos acreditados dixitalmente e con sinatura dixital grazas ao programa Kronos. Só durante 2012 asináronse 67 000 documentos de xeito electrónico na Administración autonómica.

Sanidade, xustiza e educación
Cómpre destacar os avances da aplicación das medidas da Axenda Dixital en ámbitos de gran repercusión para a cidadanía como a educación, a xustiza e a sanidade, onde a implantación da receita electrónica e da historia clínica electrónica IANUS beneficia xa o 100 % da poboación. Dende a implantación da receita electrónica no ano 2009, as TIC permitíronlle ao Sergas diminuír en tres millóns as consultas médicas anuais nos centros de saúde. O 100 % dos centros de Atención Primaria dispón do servizo de citación por internet.

No eido educativo, o Proxecto Abalar dixitalizou máis de 1993 aulas e beneficia a máis de 43 100 alumnos/as. O espazo Abalar consolídase como punto de encontro na rede de toda a comunidade educativa con máis de 1 millón de visitas, 1164 recursos educativos e 1 millón de contidos descargados polas persoas usuarias.

No eido xudicial a Xunta investiu a través do Plan Senda 14 millóns de euros desde 2009 na mellora e renovación do equipamento e das infraestruturas tecnolóxicas nos órganos xudiciais galegos. En 2012 completouse a implantación de Lexnet en todos os órganos xudiciais de Galicia, rexistrándose un total de 2,5 millóns de notificacións telemáticas.

O despregamento da rede de videoconferencias, que lle dá servizo ao 100 % dos órganos preferentes (salas do penal, menores, violencia de xénero e vixilancia penitenciaria), permitiu en 2012 a realización de máis de 2400 videoconferencias e un aforro de 260 000 euros en desprazamentos.

Economía do coñecemento
Durante 2010 e 2011 a Xunta desenvolveu distintos programas de axudas para impulsar o sector da economía do coñecemento nos que se mobilizaron máis de 280 millóns de euros, dos que 133 corresponden a capital privado, cos que se subvencionaron máis de 1600 proxectos de carácter tecnolóxico na comunidade.

Ademais, en 2011 aprobouse a convocatoria do programa FEDER-Innterconecta para fomentar o desenvolvemento de grandes proxectos de I+D+i no eido tecnolóxico, que está a mobilizar un capital de 60 millóns de euros, e as iniciativas Hospital 2050 e InnovaSaúde con 90 millóns de euros, que permitirán deseñar o hospital do futuro.

Así mesmo, creouse o portal do emprendedor, aprobouse o Plan 100 TIC para fomentar a internacionalización e está a elaborarse o Plan TransformaTIC para potenciar e reforzar o sector das TIC.

En xullo de 2011 púxose en marcha o Centro Demostrador TIC, un punto de encontro entre a oferta do sector tecnolóxico de Galicia e demanda TIC do tecido empresarial galego, no que xa se presentaron 56 solucións tecnolóxicas e máis de 870 profesionais participaron nas súas actividades. O centro puxo en marcha na rede o mapa de capacidades tecnolóxicas, MapaTIC.gal, con arredor de 178 provedores e máis 400 produtos e servizos TIC galegos.