Informe de posta en marcha do Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta de Galicia (CPDI) - 2010
O novo Centro de Proceso de Datos Integral constituirá o corazón dixital de Galicia contribuíndo a mellorar a competitividade, reducir custes, acadar unha mellor eficiencia enerxética, unha maior flexibilidade, interoperabilidade e seguridade así como unha simplificación da xestión e unha homoxeneización da estratexia tecnolóxica da Xunta. Ademais, a consolidación dun CPDI único de infraestrutura TIC fará posible unha administración que funcione 24 horas ao día os 365 días do ano.
En liña cos obxectivos de 2014.gal Axenda Dixital de Galicia, a Administración galega a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación tecnolóxica, creará un Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI) que integrará as funcións dos máis de 80 CPDs existentes agora na Comunidade.
A posta en marcha do CPDI intégrase en dúas das liñas contempladas en 2014.gal Axenda Dixital de Galicia que son a prestación de novos e mellores servizos públicos dixitais e a consecución dunha Administración eficiente.Ubicado no edificio de Servizos Centrais, o novo CPDI ocupará unha superficie de 1.095 metros cadrados divididos en dúas plantas no Edificio de Servizos Centrais da Cidade da Cultura. Na primeira habilitaranse as áreas de operadores, reparación e montaxe, backups, comunicacións, operadores e a zona visitable. Na planta baixa estarán a área de acceso, de proceso de datos e a área técnica. Está previsto rematar o acondicionamento da nova plataforma tecnolóxica no verán do vindeiro ano e completar a integración dos centros de datos no CPDI no 2º semestre do 2011.
O traslado da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ás instalacións da Cidade da Cultura realizarase no primeiro semestre do 2011 e ocupará un espazo de 860 metros cadrados no Edificio de servizos centrais e 1.277 metros cadrados no Edificio do Arquivo. Grazas a esta reorganización liberase un espazo total de 1.310 metros cadrados.