Estudo do procedemento de licitación do SAE - 2014

Estudo do procedemento de licitación do SAE - 2014

En 2015 estará operativo o Sistema de Axuda a Explotación do sector, (SAE), liderado pola Xunta de Galicia, que permitirá modernizar tecnolóxicamente o sector, coñecer con precisión a demanda de mobilidade por estrada, ofrecer novos servizos á demanda e mellorar a eficiencia da explotación dos servizos de transporte de viaxeiros por estrada.

O SAE da Xunta permitirá ás empresas contratistas dos servizos públicos de transporte dispoñer deste servizo sen necesidade de dotarse dun SAE local propio. A incorporación deste sistema é unha das obrigas establecidas no Plan de Modernización das concesións de transporte público para toda a flota de transporte regular de persoas, que dá servizo anualmente a 25 millóns de usuarios, a través de máis de 1.000 autobuses.
 
Con esta iniciativa a Xunta ofrece aos empresarios do sector á posibilidade de integrarse nun proxecto tecnolóxico que lles evitará asumir a complexidade tecnolóxica da iniciativa, permitirá obter aquela solución que mellor se adapte técnica e funcionalmente ás súas necesidades nunhas mellores condicións económicas grazas o uso de economías de escala.

Na actualidade xa o 40% dos autobuses de transporte regular se adheriron a este proxecto.
 
As  vantaxes do SAE para o transporte
O Sistema de Axuda á Explotación, é unha ferramenta de xestión que permitirá ás empresas concesionarias a localización e posicionamento en tempo real dos vehículos, unha mellor regulación do servizo ao controlar o desfase do vehículo respecto da posición ou ruta prevista e proporcionará información sobre o número de usuarios e o pago do servizo.
 
Ademais, o sistema posibilitará a comunicación bi-direccional entre o bus e o centro de control, unha mellor vixilancia e seguimento dos vehículos, o control da calidade na condución, así como a xestión de incidencias e optimización da explotación do servizo, xa que as empresas poderán planificar en base a información recollida sobre quilómetros percorridos, o desfase da ruta e do tempo establecido, o número de viaxeiros, os parámetros de funcionamento dos vehículos, ...
 
Vantaxes para os cidadáns
A implantación do Sistema de Axuda á Explotación permitirá que calquera cidadán poida acceder a través de ferramentas web, e dispositivos móbiles, a información en tempo real sobre o horario no que os autobuses pasarán pola súa parada, eliminando a incerteza da espera. Ademais, o cidadán poderá planificar as súas viaxes en transporte público previamente ou, incluso, sobre a marcha, dispoñendo de ferramentas para a busca das mellores combinacións de viaxe.
 
Licitación a través da modalidade de diálogo competitivo
O SAE da Mobilidade de Galicia  vén de licitase, a través da modalidade de diálogo competitivo, por un importe de 2.260.000 euros e suporá un investimento conxunto da Administración e as empresas do transporte de viaxeiros por estrada de  3,7 millóns euros ata o 2019.
 
Este procedemento permitirá adoptar solucións innovadoras á medida do sector, implicándoo en todas as fases do deseño da solución, coa coordinación da Administración.

Documentos relacionados:

presentacion_sae.pdf

Image removed.presentacion_sae.pdf

Organismo promotor: Amtega