Convenio marco de colaboración entre a Xunta de Galicia e Telefónica de España, S.A.U. para o deseño, desenvolvemento e lanzamento dun programa de apoio ao desenvolvemento de iniciativas de emprendemento en Galicia
Convenio asinado o 11 de decembro de 2013 entre a Xunta de Galicia e a entidade Telefónica de España, S.A.U. para sentar as bases da colaboración entre a Xunta de Galicia e Telefónica para o deseño, a xeración e o desenvolvemento dun programa de incentivación e apoio ao desenvolvemento de iniciativas emprendedoras en Galicia, detectando iniciativas de proxecto con alto potencial de crecemento, con impacto a longo prazo no ámbito territorial de Galicia e que, a súa vez, permita o descubrimento de talento e o fortalecemento do tecido empresarial galego.
Este acordo que ten como finalidade última a constitución dun Centro de Emprendemento TIC, foi asinado polo presidente de Telefónica España, Luís Miguel Gilpérez, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, Mar Pereira, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, nun acto presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Para o seu funcionamento e operativa, Telefónica achegará 850.000 euros anuais. O centro ocupará unha superficie de 420 metros cadrados nas instalacións da Cidade da Cultura e comezará a funcionar no primeiro trimestre de 2014. A iniciativa desenvolverase en dúas fases. Na primeira levarán a cabo labores de captación de proxectos e poñerase en contacto aos emprendedores con investidores, expertos e outros axentes que poidan estar interesados nos seus traballos. Nesta etapa, o centro poderá acoller de forma simultánea ata 60 emprendedores, aos que se lles facilitará o contacto con futuros investidores e poderán acceder á plataforma de innovación e transformación online Telefónica Open Platform, ademais de ter acceso a actividades de formación e mentoring.
O obxectivo é que nunha segunda fase o centro se converta nunha aceleradora de proxectos no ámbito TIC inspirada na exitosa experiencia de Wayra, e con capacidade para impulsar de forma simultánea ata 8 iniciativas de emprendedores. Todo o conxunto de actividades, ademais, estará aberto á colaboración constante con universidades, viveiros e incubadoras de empresas, ademais de colexios e asociacións profesional.
As actuacións do presente convenio non supoñen para a Amtega unha achega económica.