Balance do Plan de acción FLOSS - Ano 2010
En 2010 a Xunta de Galicia puxo en marcha o Plan de Acción 2010 en materia de software libre e de fontes abertas con obxectivo de fomentar en Galicia a utilización de tecnoloxías baseadas en software libre e de fontes abertas (FLOSS, de Free/Libre/Open Source Software), así como os estándares abertos.
Cunha dotación específica de 800.000 €, e cunha forte integración nas liñas de traballo definidas na Axenda Dixital de Galicia 2014.gal, o Plan de Acción 2010 gozou dun alto grao de execución e transversalidade, constituíndose nunha ferramenta de gran utilidade na unificación, racionalización e mellora das iniciativas TIC promovidas dende a Xunta de Galicia.
Piares da nosa Sociedade, como a Educación ou o tecido empresarial, foron e están a ser obxectivo de actuacións de enorme calado como o Proxecto Abalar ou o Centro Demostrador TIC, e en todas elas o Software Libre e de Fontes Abertas está a ter un papel protagonista.
A maiores da dotación específica de 800.000€, consumida completamente durante a execución do Plan, engadíronse 825.000€ destinados á incorporación e mantemento de plataformas FLOSS encadradas no proxecto estratéxico de eAdministración da Xunta de Galicia, así como 6.250.000€ adicados ao despregue de infraestrutura TIC baseada en FLOSS no ámbito das actuacións do Plan Abalar.
Este é o camiño emprendido mediante o Plan de Acción 2010, cuxos resultados inmediatos pasan a ser expostos no seguinte informe.