Valorización da Administración

Valorización da Administración

Valorización da Administración

Nesta liña formúlanse seis desafíos orientados a avanzar cara a unha Administración dixital innovadora que responda e se adiante ás necesidades e expectativas da cidadanía e das empresas.

O primeiro dos desafíos vai encamiñado a facer realidade unha Administración plenamente dixital, máis próxima, eficiente, eficaz e áxil na prestación de servizos. Para iso, a través da execución do Plan de Administración e Goberno dixitais con horizonte 2020, afondarase na consolidación da e-Administración á vez que se desenvolverán solucións innovadoras para levar a cabo a prestación de servizos dixitais personalizados capaces de acadar unha maior satisfacción dos usuarios.

Por outra banda, no afán por achegar maior valor á sociedade, reforzarase o principio de Goberno aberto a través das novas tecnoloxías. En concreto, a Axenda contempla actuacións orientadas a ofrecer un acceso sinxelo á información pública, mellorar a transparencia e permitir a participación efectiva da sociedade no proceso de formulación de políticas mediante as canles dixitais.

En terceiro lugar, impulsarase o papel da Administración como catalizadora dunha economía dos datos próspera, a través da promoción de técnicas de Big Data que dean lugar a un aumento da dispoñibilidade de coñecementos, máis oportunidades de negocio e sirva ademais, de estímulo para a investigación e innovación.

Promoverase un novo paradigma de relación entre as Administracións públicas que, aplicando un enfoque interoperable, sirva de marco para a prestación de servizos públicos dixitais á cidadanía dun xeito único en calquera punto do territorio e maximice o aproveitamento dos recursos e capacidades públicas. A este respecto, tomará especial relevancia o despregamento do actual Nodo de Interoperabilidade de Galicia PasaXe!.

Desenvolveranse novos servizos dixitais móbiles que permitan aumentar a inmediatez e capacidade de resposta do Goberno galego e incentivar unha sociedade máis conectada. Neste senso, entre outras, destacará o despregamento da sede electrónica móbil e a ampliación da carteira de aplicacións móbiles dispoñibles.

Finalmente, o sexto desafío buscará completar a incorporación das TIC na Administración de Xustiza, que comezou co Plan Senda 2014, co fin de responder á tripla necesidade de achegar a xustiza á cidadanía, axilizar os trámites e facilitar a cooperación entre autoridades xudiciais.