Amtega
Xunta de Galicia
‹ ›
SEDE ELECTRONICA
Novas

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia convoca a V Edición do Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre

  • O premio, que foi creado hai cinco anos pola empresa galega Igalia, ten unha contía económica de 2.300 euros a repartir en 3 categorías

  • Desde a Amtega búscase darlle un novo pulo á convocatoria integrando nel aos distintos axentes do sector do software libre galego

  • Poderá presentarse calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira nalgunha das convocatorias dos anos académicos 2010-2011 e 2011-2012

  • O prazo de presentación de candidaturas comeza hoxe e remata o 31 de outubro

12/07/12 | 13:45

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia organiza e convoca este ano, por primeira vez, o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre. Unha iniciativa que se enmarca no do Plan de Software Libre 2012 da Xunta para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega.

Este premio, que vai pola súa V edición, foi creado no 2007 pola empresa galega Igalia, tras detectar unha importante carencia de profesionais especializados neste área. Xunto co premio, Igalia puxo en marcha o Máster en Software Libre que organiza en colaboración coa Universidad Rey Juan Carlos.

Desde a Axencia de Modernización búscase darlle un novo pulo á convocatoria integrando nel aos distintos axentes do ecosistema do software libre galego seguindo a mesma estratexia global e integradora transversal a todas as actuacións do seu Plan de Software Libre. As,í ademais de co patrocinio da empresa Igalia e da Asociación Cultural Proxecto Trasno, cóntase coa participación e colaboración das tres universidades galegas, de AGASOL, e das asociacións galegas de usuarios de Software Libre GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa e Trasno.

Premios
O premio está dotado con 2.300 euros a repartir en tres categorías, primeiro premio, accésit e mención especial, que concederá a Asociación Cultural Trasno á promoción da lingua galega nas Tic ao proxecto en software libre no que se traduza, localice, internacionalice ou se difunda a lingua galega.

O obxectivo do premio é o fomento e o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, e a apertura a novas posibilidades de emprego relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación, xa que Software Libre, constitúe un área de traballo en crecemento.

Prazos
Pode optar ao premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias dos anos académicos 2010-2011 e 2011-2012. O prazo de presentación de candidaturas comeza hoxe e remata o 31 de outubro.

Todos os interesados en participar poden consultar a información na páxina do premio, dentro do portal mancomún ou poñerse en contacto coa oficina de coordinación FLOSS da Xunta de Galicia.

Con esta iniciativa a Xunta desexa continuar premiando a labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Proxecto Fin de Carreira e todo elo promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.

Twitter
Twitter
Amtega destaca
‹ ›
Portais relacionados