Axenda dixital de Galicia

Formulario de busca

Axenda dixital

Formulario de busca

 

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, OSIMGA, é un órgano asesor para a valoración da evolución da sociedade da información, a modernización administrativa e a Administración electrónica nas administracións públicas de Galicia, e para a participación e colaboración entre elas.

O OSIMGA pode entenderse como un sistema de información para a análise, comparación, seguimento e divulgación de datos, información e coñecementos nas devanditas materias.

Creado e regulado polo Decreto 21/2010 do 4 de febreiro de 2010, o OSIMGA está adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta. Este decreto atribúelle ao Observatorio entre as súas funcións as seguintes:

  • Desenvolver ou promover estudos e análises de datos que permitan coñecer o nivel de desenvolvemento, a tendencia e posibles problemáticas que poden afectar á extensión da sociedade da información en Galicia e a aplicación do modelo de Goberno electrónico nas administracións públicas galegas.
  • Elaborar informes de situación e de evolución.
  • Facilitar datos a outros organismos competentes na materia, contribuíndo á definición estratéxica de políticas públicas.
  • Analizar o estado de desenvolvemento da sociedade da información para toda a cidadanía e, en especial, no que respecta aos colectivos en risco de exclusión, promovendo liñas de actuación que potencien a súa incorporación e permanencia en condicións de igualdade efectiva.

O Observatorio estableceu compromisos sobre o seu funcionamento para ofrecer servizos de calidade dentro do seu ámbito, como son:

  • Resposta a suxestións e queixas en 24 horas.
  • Actualización diaria da web.
  • Supervisión dos indicadores de seguimento do Plan de actividades anual.
  • Formulación de iniciativas e liñas de actuación para promover a sociedade da información en Galicia, por exemplo, a posta en marcha de enquisas.

Para maior información sobre os servizos e estudos de OSIMGA, pode consultar a súa páxina web (www.osimga.org).