Xunta e Telefónica colaborarán no desenvolvemento da industria 4.0 en Galicia

Venres 04 de Decembro de 2015

Xunta e Telefónica colaborarán no desenvolvemento da industria 4.0 en Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria participou na xornada “Industria Conectada 4.0, novos modelos de negocio” organizada por Telefónica, que abordou o efecto da nova revolución industrial en sectores como a automoción e o forestal.

Destaca a capacidade de Galicia para desenvolver e comercializar tecnoloxías facilitadoras en eidos como o Big Data ou os drones de mantemento, xerando parentes para o sistema de innovación galego.

A Xunta e Telefónica colaborarán no desenvolvemento da Industria 4.0 en Galicia, aproveitando o peso e a capacidade innovadora da empresa tractora de telecomunicacións para adaptar á comunidade á nova revolución industrial. Como primeiro paso desta colaboración entre a Xunta e a multinacional, a compañía organizou en Santiago a xornada Industria Conectada 4.0, novos modelos de negocio, que abordou o efecto desa renovación tecnolóxica en sectores como a automoción e o forestal. Durante o encontro, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou que a Industria 4.0, e as tecnoloxías facilitadoras asociadas a ela, suporán novas oportunidades de negocio que Galicia debe aproveitar non só no sector fabril, senón no agro e nos servizos. E neste senso, trasladou a empresarios e emprendedores o respaldo do Goberno galego, a través da Axenda Galicia-Industria 4.0, para abordar o aproveitamento destas oportunidades.

En concreto, Conde resaltou que a Industria 4.0 maximizará a eficiencia e a produtividade do tecido empresarial galego, reducindo os erros e reforzando sectores estratéxicos como o automobilístico ou o conserveiro. Referiuse ademais ao desenvolvemento de tecnoloxías facilitadoras que van a repercutir moito no sector primario, como o forestal, ou nos servizos, e que poden xerar patentes nas universidades e centros tecnolóxicos. Un desenvolvemento “que vai a necesitar novas máquinas e servizos, software e provisións de todo tipo, abrindo novos modelos de negocio B2B, especialmente no eido das TIC”, subliñou.

O conselleiro resaltou as oportunidades que se abren en torno aos novos modelos de negocio asociados á fábrica intelixente; ás redes intelixentes de enerxía; á loxística intelixente; aos produtos intelixentes; ou ás plataformas de colaboración interempresariais que teñan estándares de información en todo o mundo. E fixo especial fincapé en que Galicia estea a vangarda do desenvolvemento e comercialización de tecnoloxías como o os avances en intelixencia artificial e conectividade, desembocando no internet das cousas; a robótica avanzada, que inclúe desde os autómatas aos vehículos sen condutor ou os drones de mantemento; os novos sensores; os avances en virtualización; a impresión en 3D; e sobre todo, o Big Data.

Neste senso, Conde subliñou aos datos como “clave desta nova ola de cambios”, e de aí, apuntou, o protagonismo que terán as empresas de telecomunicacións tractoras, as compañías de software e as empresas de ciberseguridade, nun entorno en que o máis crítico para unha fábrica, defendeu, serán os planos e detalles do proceso de fabricación.

“Vivimos nun mundo nos que estamos experimentando varias disrupcións innovadoras que achegarán unha nova revolución industrial”, dixo Conde, que ligou o futuro económico de Galicia á capacidade do tecido empresarial, os centros de coñecemento e a propia administración para adaptarse a este cambio.