Sinatura dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Cluster do Audiovisual Galego

Venres 08 de Xaneiro de 2010

Sinatura dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Cluster do Audiovisual Galego

A directora xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar, Ana María Díaz López, e a xerente do Cluster, Carla Reyes Uschinsky, asinan un acordo de colaboración entre a Xunta de Galicia e o CLAG.

A directora xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Ana María Díaz López, e a xerente do Clúster do Audiovisual Galego (CLAG), Carla Reyes Uschinsky, asinaron un acordo de colaboración destinado a impartir, durante o primeiro trimestre do ano 2010, determinadas accións formativas especializadas no eido das tecnoloxías audiovisuais. Os cursos están organizados polo CLAG e se inclúen no Proxecto de Formación Audiovisual para PEMES presentado no marco do subprograma Avanza Formación do Ministerio de Industria, Turismo y Comercio.

A Xunta de Galicia apoia e impulsa o proxecto mediante a sinatura deste convenio de colaboración co  Clúster polo que cede o uso das instalacións do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia da Consellería de Traballo e Benestar para a realización dos cursos incluídos no citado proxecto e aporta o apoio loxístico necesario para a difusión das actividades formativas e a recepción das solicitudes de inscrición a través do portal web do cntg.

Os cursos programados, todos eles de carácter técnico, son os seguintes:

    * Programación en televisión dixital
    * Gravación e postprodución en HD
    * Técnicas avanzadas de edición
    * Desenvolvemento de contidos para móbiles

Para obter máis información sobre o contido dos cursos ofertados pódese acceder á sección formación correspondente a  “deseño gráfico, programación multimedia e contornas audiovisuais” no portal do cntg (http://cntg.xunta.es/).