Preto de 500 persoas realizan as probas convocadas pola Amtega para obter a Certificación Galega de Competencias Dixitais en Ofimática

Martes 25 de Abril de 2017

Preto de 500 persoas realizan as probas convocadas pola Amtega para obter a Certificación Galega de Competencias Dixitais en Ofimática

Os exames presenciais celebraranse os días 26, 27 e 28 de abril nas aulas CeMIT de 36 concellos de toda Galicia
Están orientadas a aquelas persoas que xa posúen os coñecementos necesarios ou que optan pola modalidade autoformativa
Este certificado, que emite a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acredita a formación nesta materia da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar a listaxe definitiva das 473 persoas matriculadas para a realización das probas de avaliación para a obtención da Certificación Galega en Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX). Esta convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 15 de marzo, está orientada a aquelas persoas que xa posúen os coñecementos necesarios das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» baixo o paquete de LibreOffice.

As persoas admitidas poden consultar na web do CeMIT (http://cemit.xunta.gal) a súa data de exame asignada, centro e hora, así como as instrucións para a realización das probas, que se celebrarán o mércores, xoves e venres desta semana -días 26, 27 e 28 de abril- nas aulas CeMIT dos seguintes 36 concellos:

Abegondo, Ames, Arzúa, Boiro, Brión, Coruña, A, Fisterra, Oroso, Padrón, Pontedeume, Pontes, As, Santa Comba, Santiago de Compostela e Vimianzo na provincia de A Coruña ;Barreiros, Carballedo, Fonsagrada, A, Sarria e O Vicedo na provincia de Lugo; Bande, O Barco, A Cañiza, Celanova, Leiro, Ourense e Xunqueira de Ambía na provincia de Ourense; e Campolameiro, Castro Caldelas, Cuntis, Lalín, Marín, Pontevedra, Tomiño, Valga e Vigo na provincia de Pontevedra.

Perfil das persoas a examinar

En canto ao perfil das persoas convocadas, a media de idade é de 37,5 anos; a maioría son mulleres, (328 mulleres e 147 homes); o 55% ten estudos superiores (151 licenciados e 110 diplomados) e un 32% Bacharelato ou FP-II; e o 94% dispón de ordenador e acceso a internet no seu fogar.

Por primeira vez nesta edición, as persoas demandantes de emprego ou cunha discapacidade igual ou superior ao 33% gozaban de exención no pagamento das taxas de exame. Das 475 persoas matriculadas, 105 son demandantes de emprego e 40 persoas con discapacidade.

Avaliación

Para obter o CODIX é preciso superar un exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base
Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress
Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer.
Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc

Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas prácticas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia  e poden ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación dentro da plataforma de teleformación da rede CeMIT http://cemit.xunta.es/ema, na que se poden consultar tanto os contidos específicos dos diversos módulos que compeñen o CODIX como diversos casos prácticos e test de exemplo

Preto de 1.500 prazas convocadas para este ano 2017

Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2017, que terá a súa continuación no segundo semestre cun novo curso de teleformación titorizada (con inicio previsto para o mes de setembro) e novos exames presenciais en outubro.

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 4.400 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades e 1.737 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia despois de superar as probas convocadas nas aulas da rede CeMIT.

A estes datos hai que engadir as máis de 300  actividades e cursos en ofimática en software libre que veñen realizando as diferentes aulas de forma presencial durante o último ano como preparación orientada á presentación para estas probas libres, así como os 2.500 accesos aos contidos específicos do CODIX aloxados na plataforma de teleformación a través de internet  (http://cemit.xunta.es/ema) e abertos para ser consultados en calquera momento.