Os galegos xa poden solicitar á Xunta á recepción de notificacións en formato electrónico

Venres 06 de Xaneiro de 2017

Os galegos xa poden solicitar á Xunta á recepción de notificacións en formato electrónico

A notificación electrónica, obrigatoria en determinados colectivos desde o 2 de outubro, está activada en 290 procedementos e estenderase ao longo de 2017
Aquelas persoas que non teñen esta obriga poden seleccionar o medio de notificación preferente, ben a través de notific@ ou vía postal
Unha vez completada a súa implantación, este sistema permitirá un aforro anual aproximado de 2 millóns de euros, fronte ás notificacións en papel

A Xunta de Galicia pon á disposición dos cidadáns o sistema de notificacións electrónicas Notific@, que permite o envío de notificacións fidedignas con acuse de recibo e selo electrónico da Xunta, que confirma tanto o acceso como o rexeitamento da notificación. A implantación deste servizo é un dos requirimentos da lei 30/2015, que entrou en vigor o pasado 2 de outubro e que  establece a obrigatoriedade de relacionarse de xeito electrónico coa Administración para determinados colectivos (persoas xurídicas, entidades sen personalidade xurídica, profesionais con colexiación obrigatoria e empregados públicos).

Aquelas persoas que non teñen esta obriga poden seleccionar o medio de notificación preferente, ben a través de Notifica.gal ou vía postal. Con independencia da opción elixida a Administración creará sempre de oficio un enderezo habilitado en Notific@ para que poida optar por esta vía cando o desexe.

Funcionamento

Notifica.gal funciona como un enderezo electrónico. O usuario só ten que darse de alta, ben a través do formulario de iniciación do procedemento administrativo correspondente ou en calquera momento a través do propio sistema https://notifica.xunta.gal/, que está accesible desde a web da Xunta. Unha vez completado este paso, o receptor da notificación ten en Notifica.gal un buzón electrónico asociado ao seu NIF ou certificado electrónico e alí poderá consultar a comunicacións recibidas. Previamente, recibirá un aviso de que ten unha notificación pendente no móbil ou correo electrónico que indicara durante a alta.

Así mesmo, pode autorizar a calquera outra persoa a acceder ao contido das súas notificacións a través da opción Administrar Autorizacións dentro de “As Miñas Opcións”.

290 procedementos habilitados con notificación electrónica

A Administración autonómica vén traballando no desenvolvemento deste sistema desde hai un ano, rexistrando máis de 26.000 notificacións electrónicas de 20 procedementos ao longo de 2016. A día de hoxe hai xa 290 procedementos habilitados con este sistema e progresivamente activarase nos restantes procedementos incluídos na Guía de Procedementos e Servizos da Xunta que requiren de notificación. Ademais, estase a traballar na catalogación, codificación e habilitación da notificación daqueles procedementos a instancia de parte ou de oficio que actualmente non están incorporados na guía.

O Consello da Xunta do pasado 22 de decembro aprobou establecer o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia, Notifica.gal, como a canle única para o envío das notificacións electrónicas a cidadanía por parte de todo o sector público autonómico.

A implantación de Notific@ vai acompañada dun programa formativo para os empregados públicos das unidades tramitadoras. Xa se formaron preto de 500 usuarios dos servizos centrais e das delegacións e as xornadas formativas continuarán ao longo do primeiro trimestre de 2017, ademais incorporaranse ao programa formativo da EGAP contidos teóricos e prácticos sobre a notificación electrónica.

Lei 39/2015

Ademais das notificacións electrónicas a Administración autonómica galega ten en marcha outras das  principais pezas da Administración dixital que esixen a lei 30/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas. Esta normas establecen iniciativas concretas e prazos (outubro de 2016 e outubro de 2018) para consolidar unha administración na que o procedemento electrónico sexa o habitual e non a excepción.

Outubro de 2016: interoperabilidade e sede electrónica

A  lei estipula que  que desde o pasado mes de outubro as Administración non deben esixir aos usuarios documentos que xa obran en poder delas. A Xunta conta xa desde 2015 coa Plataforma de Interoperabilidade Pasaxe!,  con preto de 40 certificados dispoñibles,  que este  ano evitou a presentación de máis de 2 millóns de documentos (certificados de discapacidade, familia numerosa, parella de feito, títulos universitarios...).  

A sede electrónica da Xunta leva rexistradas máis de 65.000 xestións online, onde tamén se poden consultar todos os procedementos administrativos dispoñibles e os prazos, como esixe a novas lei.  Ademais,  a Xunta ten incorporados xa novos servizos na súa sede electrónica como a posibilidade de obter certificados asinados dixitalmente; ou a de simplificar o seu acceso co Servizo Chave 365, que substitúe o uso de certificados electrónicos por un sistema de claves concertadas no móbil.

A nova lei en vigor esixe, tamén, que a sede ofreza outras funcionalidades, que se incorporarán progresivamente, como a posibilidade de presentar solicitudes masivas a través dela ou a publicación de todas as notificacións que se realicen ben sexan electrónicas ou en papel.

Outubro de 2018: Arquivo Electrónico Único e  Rexistros dixitais, xa en marcha

Entre as iniciativas que a lei 39/2015 marca para outubro de 2018 está a de dispoñer dun Arquivo Electrónico Único, que a Administración autonómica xa ten en funcionamento desde este ano con 49 procedementos integramente dixitais. O Arquivo Electrónico permite xestionar o ciclo de vida completo de cada documento e posibilitará, tanto aos empregados públicos como ao propio interesado, recuperar e consultar calquera información dun expediente

Outras das obrigas para 2018 é que se dixitalicen todos os documentos que entran a Administración. Galicia adiántase a este requisito e, tanto o Rexistro Xeral da Xunta como os Rexistros das Delegacións provinciais, dispoñen xa desta funcionalidade, que se estenderá ao resto das 533 oficias integradas no Sistema Único de Rexistros. Xunto con este obxectivo, abordarase a creación dun Rexistro Electrónico Xeral.

Plan de Goberno e Administración Dixital 2020

O desenvolvemento destas actuacións está enmarcado o Plan de Goberno e Administracións Dixital 2020, que a Xunta puxo en marcha en 2015 para acadar unha administración accesible, áxil nas respostas, con capacidade para anticiparse ás necesidades das sociedade e eficiente no uso dos recursos públicos e que ofrece. Unha vez completado, o Plan permitirá un aforro estimado de máis de 41 millóns de euros.