Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

O uso do software libre nas empresas galegas supera o de comunidades como Madrid, Cataluña e o País Vasco

A directora da Amtega destacou estes datos do último informe do OSIMGA sobre o uso de tecnoloxías libres no tecido empresarial galego na inauguración de Colaboratic.gal

A xornada, que celebran hoxe Agasol e a Axencia TIC autonómica, busca abrir novas vías de colaboración entre as empresas de software libre e o resto dos sectores produtivos

A Amtega desenvolve desde 2010 un Plan anual de software libre, en colaboración cos axentes do sector, cunha media de 100 actuacións cada ano dirixidas ao ámbito empresarial, á Administración e á sociedade

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) celebran hoxe en Santiago a  xornada Colaboratic.gal, para difundir entre o sector empresarial o software libre e as posibilidades de colaboración e novas vías de financiamento para proxectos que empreguen tecnoloxías libres.

A directora  da Amtega, Mar Pereira, e o presidente de Agasol, Xavier Castaño, inauguraron o encontro, que se se enmarca nas actividades do Plan de Software Libre impulsado pola Amtega en colaboración cos principais axentes do ecosistema galego do software libre como Agasol. 

Durante a súa intervención, Mar Pereira lembrou que o fomento do uso do software libre e, en particular no sector empresarial, continúa a ser unha aposta da estratexia dixital do Goberno galego. As actuacións concretas neste eido recóllense no Plan anual de Software Libre, que vén desenvolvendo a Xunta desde 2010 cunha media de 100 actuacións anuais para o fomento do software libre na administración, na sociedade e no eido empresarial.

O resultado desas medidas é un incremento no uso das tecnoloxías libres como indican os  últimos datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga). Oito de cada dez empresas de Galicia con 10 ou máis empregados empregan software libre, o que sitúa a Galicia por riba doutras Comunidades Autónomas como Madrid, Cataluña ou o País Vasco.

Nas microempresas mantense tamén a tendencia crecente, chegando ao 52,1% das micropemes galegas usan software libre. A principal barreira para á implantación do Software Libre nas microempresas é o descoñecemento de solucións e a falta de referencias sobre produtos libres, mentres que as empresas de 10 e máis traballadores, o principal barreira para usar software libre son as dúbidas sobre as problemáticas que poderían desencadearse coa migración a software libre. 

A Amtega atendendo ás demandas do sector empresarial, continúa un ano máis desenvolvendo actuacións, como a xornada de hoxe para o fomento do software libre neste ámbito. Durante o 2016 reforzarase o Centro Demostrador TIC Virtual con dúas novas aplicacións á disposición das empresas como son a plataforma de comercio electrónico Prestashop e o xestor documental Alfresco. Tamén se incrementa a oferta de demostracións e formación en Software Libre e o asesoramento ás pemes en canto a solucións libres adaptadas ás súas necesidades a través da Oficina de Software Libre da Amtega.