Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

O Plan de banda larga da Xunta e o operador galego R facilitaranlles este ano acceso a redes de ata 350 Mbps a 11 polígonos industriais da provincia de Pontevedra

O Plan, impulsado pola Amtega, xa activou o servizo noutras 7 superficies empresariais da provincia en 2016 e chegará a outras 9 en 2018
Unha vez completado o Plan o 95% da superficie empresarial da provincia terá acceso a redes de máis de 100Mbps.
Ademais, como complemento a esta actuación, a Xunta abriu unha convocatoria de axudas para o acceso a banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos situados en zonas illadas do rural

O Plan de Banda Larga da Xunta facilitará este ano o acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps a 11 polígonos da provincia de Pontevedra. Así o anunciaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores.

As actuacións do Plan comezaron en 2016 e xa hai 7 polígonos da provincia que dispoñen deste servizo, que continuará estendéndose noutros 9 en 2018. Unha vez completado o Plan, o 95% da superficie empresarial da provincia terá acceso a redes de máis de 100Mbps.

Ademais, como complemento a esta actuación, a Amtega vén de abrir unha convocatoria de axudas para dotar de redes ultrarrápidas a empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural.

350Mbps e servizos R de valor engadido

As empresas dos polígonos beneficiados desta actuación do Plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.

Ademais, R pon a disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir. Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.

Estas solucións intégranse en centros de datos profesionais, coma se formasen parte da rede local da empresa. Proximidade, polo tanto, e tamén flexibilidade para adaptarse ás necesidades dos negocios en cada momento.

E todo isto, grazas ás vantaxes das redes FTTH (Metro, RFoG, GPON...), que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R.

Prazos e orzamento

En 2016 completouse o despregamento en 17 polígonos en toda Galicia. En 2017 cubriranse outros 30 e en 2018 os 34 restantes. Deste xeito, no ano 2018, un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. O resto cubriranse nas seguintes actuacións previstas no Plan.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Axudas para empresas das zonas máis illadas

Para aquelas empresas que están fóra dos recintos industriais e en zonas illadas a Amtega vén de poñer en marcha unha nova medida do Plan de Banda  Larga, unha convocatoria cun orzamento de 500.000 euros, que se poderá ampliar ata un máximo de 1 millón de euros en función da demanda. Estas axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000€ por beneficiario. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000€.

Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Prazos e características da convocatoria

Os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o 20 de abril. Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 megas e manter a alta no servizo contratado inicialmente durante cando menos 1 ano.

Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo investidor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.

Plan de Banda Larga de Galicia 2020

O Plan de Banda Larga de Galicia 2020, aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.

Listado de Polígonos de Pontevedra cubertos e previstos en 2017 

CONCELLO

POLÍGONO

DATA COBERTURA

CALDAS DE REIS

POLIGONO INDUSTRIAL ARCOS DA CONDESA

Cuberto en 2016

GROVE (O)

POLÍGONO DE PORTO MELOXO

Cuberto en 2016

PONTE CALDELAS

PARQUE EMPRESARIAL DE A REIGOSA E CENTRAL DE TRANSPORTES E PONTE CALDELAS

Cuberto en 2016

PONTEVEDRA

PARQUE EMPRESARIAL DE O CAMPIÑO

Cuberto en 2016

PORRIÑO (O)

ÁREA DE NEGOCIOS OCEANIS

Cuberto en 2016

SILLEDA

PARQUE EMPRESARIAL DE SILLEDA

Cuberto en 2016

VILAGARCIA DE AROUSA

PARQUE EMPRESARIAL DE O POUSADOIRO

Cuberto en 2016

BUEU

PARQUE EMPRESARIAL BUEU - CASTIÑEIRAS

2017

CALDAS DE REIS

ZONA INDUSTRIAL DE AS VEIGAS DE ALMORZAR

2017

CAMBADOS

P.I. O SALNES

2017

CANGAS

ÁREA INDUSTRIAL A PORTELA

2017

ESTRADA (A)

PARQUE EMPRESARIAL DE A ESTRADA - TOEDO

2017

LALIN

POLÍGONO INDUSTRIAL DE BOTOS

2017

PONTEAREAS

POLÍGONO INDUSTRIAL DE A LOMBA

2017

SALVATERRA DE MIÑO

POLÍGONO INDUSTRIAL CHAN DA PONTE

2017

TUI

PARQUE EMPRESARIAL DE AREAS

2017

VILA DE CRUCES

POLÍGONO INDUSTRIAL O CAMBALLÓN

2017

VILANOVA DE AROUSA

PARQUE EMPRESARIAL DE VILANOVA DE AROUSA I (AREA LOXÍSTICA DE BAIÓN - RÍA DE AROUSA)

2017