O impacto dos contidos dixitais en diferentes sectores produtivos centrarán a segunda xornada do “DICO Summit 2017”

Xoves 19 de Xaneiro de 2017

O impacto dos contidos dixitais en diferentes sectores produtivos centrarán a segunda xornada do “DICO Summit 2017”

Os paneis e intervencións do 25 de xaneiro xirarán en torno a economía dixital, expoñendo casos de éxito da aplicación de contidos dixitais en sectores como o téxtil, a alimentación ou a saúde
Ilux Visual Tecnologies amosará as posibilidades de turismo “nun click” e Tesla e Netex afondarán na mellora da Educación grazas aos contidos dixitais
A inscrición no evento pode realizarse a través da web dicosummit.gal

A segunda xornada do DICO Summit 2017, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Clúster TIC e o Clúster do Audiovisual Galego (CLAG), centrarase no impacto dos contidos dixitais noutros sectores económicos e nos negocios dixitais. A través de diferentes casos de éxito en ámbitos tan dispares como a téxtil, a acuicultura, a alimentación ou a saúde, a educación ou o turismo porase de manifesto que a nova economía tamén é dixital.

Exemplos de economía dixital

Para amosar o impacto dos contidos dixitais e as tecnoloxías relacionadas, representantes de diversos sectores económicos de Galicia ,presentarán casos de éxito e boas prácticas na mesa “A economía tamén é dixital”. Así, o Cluster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) exporá o seu proxecto MarketLab, unha infraestrutura de innovación aberta, única no Estado, centrada en analizar os factores que inflúen na compra do consumidor actual no entorno da intelixencia competitiva. Pola súa banda, Queres Tecnoloxía exporá ferramentas de Big Data aplicadas á interoperabilidade sanitaria para mellorar a atención ao paciente. O Cluster Téxtil Moda (COINTEGA) presentará SIMSS, unha plataforma que permite ás empresas do sector da moda vender máis con menos esforzo e xestionar de forma máis eficiente os seus procesos internos.

O turista dixital e o futuro da educación

Manuel Meijide, director de Ilux Visual Tecnologies exporá no seu relatorio “O turista dixital” como viaxar sen saír de casa comeza a ser posible grazas aos contidos dixitais, que poden achegar, a tan só un click de distancia, o destino vacacional de moda, o contido dun museo ou unha paisaxe.

No panel “A educación do futuro busca contidos”, o Project Manager de Netex, José Domenech, e o cofundador de Tesla, Esteban Vázquez, exporán os proxectos que se están a desenvolver neste campo no sector educativo, un dos grandes consumidores de contidos dixitais.

O emprendemento no sector dos contidos dixitais

A última mesa da xornada xirará en torno ao emprendemento no sector dos contidos dixitais en nela intervirán o responsable do Centro de Innovación de RTVE, Esteban Mayoral Campos, o Director Legal e  Director IP & Ventures da compañía de telecomunicacións, Liberty Global, Borja Varela e o socio do estudio galego de videoxogos Gato Salvaje e fundador de Start Your Business International Consulting, Fernando Prieto..

Inscrición

A inscrición ao evento DIgitalCOntents (DICO) Summit 2017, pódese realizar a través da ligazón http://dicosummit.eventbrite.com. Os asistentes ao encontro, que se celebrará os días 24 e 25 de xaneiro, poderán coñecer as últimas novidades sobre os contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio en diferentes ámbitos da man de profesionais e empresas referentes neste ámbito.

Ao longo de dúas xornadas, Dico Summit 2017 ofrecerá catro tipo de actividades complementarias. Por unha banda, os paneis e intervencións de entidades e profesionais de referencia de ámbito estatal e europeo que ofrecerán a súa visión sobre os contidos e a transformación dixital; o novo concepto de televisión e plataformas audiovisual, os videoxogos, as tecnoloxías de base ou os casos de éxito en determinados campos da economía dixital.

Showroom, Networking e Concurso de ideas

DICO Summit contará tamén cun espazo de exhibición, un Showroom, no que os asistentes poderán coñecer parte das tecnoloxías que marcarán o futuro dos contidos dixitais e as súas aplicacións prácticas. Haberá tamén tempo para que as empresas asistentes conversen entre elas cun espazo de Networking, habilitado especialmente para o coñecemento entre empresas e profesionais co obxectivo estreitar lazos e fomentar acordos e colaboracións dentro do mundo dixital. Por último, impulsarase o talento local a través do concurso de ideas relacionadas con novos proxectos no campo dos contidos dixitais.

A web da iniciativa, dicosummit.gal, irase actualizando coas novas sobre as entidades e profesionais que terán presenza no evento, que tamén se publicarán nas redes sociais das tres entidades organizadores. As entidades interesadas nesta iniciativa poden poñerse en contacto coa organización a través da dirección electrónica info@dicosummit.gal.