O Gaiás acolle hoxe e mañá o I Hackathon Big Data & Analytics organizado por HPE e a Amtega

Venres 25 de Novembro de 2016

O Gaiás acolle hoxe e mañá o I Hackathon Big Data & Analytics organizado por HPE e a Amtega

Unha vintena de analistas, universitarios e e persoas con inquietudes tecnolóxicas afrontan o reto de formular solucións dixitais que permitan ao negocio dun centro comercial adaptar a súa oferta aos perfís dos clientes

A iniciativa enmárcase nos compromisos do Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de Hewlett Packard Enterprise de potenciar e desenvolver o sector TIC galego

Os participantes asistirán a unha comida networking con persoal do CEIN e recibirán un diploma acreditativo de participación emitido por HPE

O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de Hewlett Packard Enterprise (CEIN) en colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Situm Technologies, acolle hoxe e mañá a primeira edición do Hackathon Big Data & Analytics HPE, que se celebra na sede das súas oficinas na Cidade da Cultura de Galicia.

Unha vintena de analistas, investigadores, universitarios, emprendedores, e persoas con inquietudes tecnolóxicas en Big Data & Analytics competirán durante dous días no desenvolvemento de solucións dixitais a partir dos datos de localización da traxectoria de clientes nun centro comercial.

As solucións desenvolvidas polos participantes deberán permitir analizar e comprender o comportamento dos clientes, facendo dispoñibles as conclusións da análise aos negocios situados no centro comercial para que poidan adaptar a súa oferta de produtos e servizos e explorar novas vías de atracción de clientes.

Os integrantes dos equipos inscritos no I Hackathon Big Data & Analytics HPE participarán nunha comida networking con persoal do CEIN mañá sábado na cantina da Cidade da Cultura e recibirán un diploma acreditativo de participación emitido por HPE.

Ao peche do evento, cada equipo presentará a súa solución e un xurado experto avaliará e seleccionará aos gañadores nas seguintes categorías:

- Mellor solución global
- Iniciativa máis innovadora
- Mellor proposta de valor

Os gañadores serán elixidos por un xurado multidisciplinar formado por colaboradores do CEIN e profesionais doutros sectores afíns á finalidade da convocatoria.O horario do Hackathon será de 18:00 a 20:00 horas o primeiro día e de 9:00 a 20:00 horas o segundo.

Pacto Dixital de Galicia

Hewlett Packard Enterpriese é unha das 13 empresas asinantes do Pacto Dixital de Galicia, no que asumiron o compromiso de colaborar coa Administración autonómica para situar á Comunidade como un referente tecnolóxico na atracción de investimentos, o desenvolvemento de proxectos con potencial tractor e a internacionalización das pemes.