Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

O CPETIG e a Amtega celebran a III edición do Scratch Day o 27 de maio na Cidade da Cultura

Está dirixido a escolares de entre 7 e 15 anos para que poidan acceder dun xeito lúdico e divertido ao mundo da programación
O prazo de inscrición está aberto e os rapaces deben ir acompañados dos seus pais ou nais
En paralelo desenvolverase unha actividade formativa en programación Scratch para adultos

O vindeiro 27 de maio terá lugar na Cidade da Cultura o III Scratch Day, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O encontro sobre programación informática está dirixido a escolares de entre 7 e 15 anos, que deben asistir acompañados polos seus pais ou nais. As familias interesadas poden inscribirse en http://scratchday.cpetig.org                                                                                            

O III Scratch Day ten como obxectivo difundir dun xeito lúdico e divertido os valores da programación informática entre os nenos, os seus pais e os seus formadores, tomando conciencia da potencia desta ferramenta como medio de expresión de ideas e vehículo para o emprendemento. De igual maneira, ambas entidades CPETIG buscan que esta iniciativa contribúa a eliminar mitos en relación á programación informática e a superar desde a infancia os estereotipos de xénero sobre este área do coñecemento, difundindo as posibilidades que ofrecen as TIC e reducindo a fenda dixital. 


O CPETIG concibe esta formación no contexto da familia por considerar decisiva a implicación dos pais e as nais neste ámbito, como apoio e motivación para que os seus fillos se sintan atraídos cara á programación informática, de xeito que esta actividade non sexa unha excepción, senón o principio dun labor a seguir no fogar.

Durante a xornada do 27 de maio levarase a cabo, de xeito paralelo, unha acción formativa en Scratch destinada a persoas adultas, interesadas en adquirir métodos para impartir formación en programación para escolares.

Requirimentos

A sesión estará dedicada á programación de robots, sendo preciso que os asistentes leven o seu portátil, xa que non serven tablets ou smartphones, e estean familiarizados coa contorna de Scratch, unha linguaxe de programación visual desenvolvido polo Instituto Tecnolóxico de Massachusses (MIT Media Lab). Scratch é utilizado por estudantes, profesores, pais e nais para crear doadamente animacións e xogos.

A formación do Scratch Day será impartida por Código Octopus, unha plataforma de recursos en galego ao servizo do profesorado que desexe introducirse na programación para a docencia.

Convenio coa Amtega

O Scratch Day é unha das actividades contempladas no convenio de colaboración asinado o pasado mes de marzo entre a Amtega e o CPETIG.