O CPEIG e a Amtega levan o programa “Rapaciñ@s, a tecnoloxía ben segura” a dez cidades e vilas neste mes de xullo

Xoves 06 de Xullo de 2017

O CPEIG e a Amtega levan o programa “Rapaciñ@s, a tecnoloxía ben segura” a dez cidades e vilas neste mes de xullo

Terá lugar nas aulas CeMIT de dez concellos con charlas divulgativas para pais e talleres de robótica educativa para rapaces de entre 8 e 14 anos de idade
A asistencia é de balde, previa inscrición na web da rede CeMIT

A iniciativa “Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura”, impulsada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), visitará 10 concellos de Galicia durante este mes con charlas informativas, a cargo dos colexiados do CPEIG, e obradoiros infantís baseados na tecnoloxía.

Mentres nais e pais aprenden as vantaxes das novas tecnoloxías e como previr os posibles riscos, as nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros prácticos para que se divirtan e aprendan.

Os obradoiros, dirixidos a nenos de entre 8 e 14 anos de idade, serán de iniciación á programación (orientada a robótica) e á electrónica (arduino, makey makey), co obxectivo de que os participantes teñan unha primeira aproximación a cada unha destas materias.

Cunha duración de 4 horas e cun descanso no medio, os pequenos participantes poderán facer e crear diversas actividades prácticas e realizar un proxecto sinxelo que ten comezo e final, de tal forma que vexan o resultado da súa programación.

O único requisito para poder asistir a estas charlas gratuítas é ser usuario da rede CeMIT e solicitar praza na localidade de interese, a través da web http://cemit.xunta.gal.

Calendario de actividades

10  xullo

de 10 a 14 horas

BOIRO

Coruña, A

19 xullo

de 10 a 14 horas

ARZÚA

Coruña, A

24 xullo

de 10 a 14 horas

CAÑIZA, A

Ourense

28 xullo

de 10 a 14 horas

CARBALLEDO

Lugo

14 xullo

de 16 a 20 horas

CASTRO CALDELAS

Ourense

17 xullo

de 10 a 14 horas

PADRÓN

Coruña, A

20 xullo

de 10 a 14 horas

RIBEIRA

Coruña, A

18 xullo

de 10 a 14 horas

VALGA

Pontevedra

21 xullo

de 10 a 14 horas

VIMIANZO

Coruña, A

13 xullo

de 10 a 14 horas

XUNQUEIRA AMBÍA

Ourense

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.