O CETMAR colabora con institucións de Francia, Portugal e Irlanda na mellora da formación marítima no espazo Atlántico

Domingo 19 de Decembro de 2010

O CETMAR colabora con institucións de Francia, Portugal e Irlanda na mellora da formación marítima no espazo Atlántico

O obxectivo é a creación dunha rede de formación marítima de alta calidade que mellore a capacitación dos profesionais do mar e propicie un coñecemento adaptado ás necesidades deste ámbito e da seguridade marítima

O Centro Tecnolóxico do Mar está a participar nun novo proxecto europeo, “Marleanet”, que persegue a mellora da formación marítima no espazo Atlántico e a creación dunha rede de centros de formación que mellore a capacitación dos profesionais do mar e propicie un coñecemento adaptado ás necesidades deste ámbito e da seguridade marítima.

Coordinado polo Centre Européen de Formation Continue Maritime (CEFCM) de Concarneau (Francia), o proxecto “Marleanet” conta coa participación doutros cinco socios, xa que ademais da Fundación CETMAR toma parte nesta iniciativa europea o Cork Institute of Technology de Irlanda, a Escola Superior Náutica Infante D. Henrique e a Mutua dos Pescadores de Portugal, e a Universite de Bretagne Occidentale.

Todos eles traballarán de forma conxunta ata o ano 2013 na execución de accións encamiñadas á creación dunha rede transnacional de formación marítima de alta calidade e á posta en común de ferramentas para os seus membros. O proxecto prevé tamén o intercambio de boas prácticas e de persoal para a implantación conxunta de cursos de calidade e a posta en marcha dunha ferramenta común de e-learning que inclúa aos socios da rede cara a formación on-line (a bordo de buques ou na casa) e nos institutos de formación. A meta dos socios de “Marleanet” é capacitar a arredor de 3.000 persoas ao ano.

Cofinanciada a través do programa Interreg IV-B da Unión Europea, esta iniciativa espera contribuír a un achegamento entre a formación marítima civil, pesqueira e militar, á mellora da calidade da formación e a harmonización dos certificados e á mellora da Convención SOLAS –Seguridade a Bordo- e da protección do medio ambiente mariño gracias a xeneralización das prácticas de formación. As accións contempladas en “Marleanet” (www.marleanet.com) contribuirán así a dispor de portos mellor explotados e dun sector marítimo máis competitivo.

Na segunda reunión de coordinación do proxecto na Escola Superior Náutica Infante D. Henrique, a sesión de traballo finalizou cun debate con expertos en formación marítima dos catro países participantes. A delegación galega contou coa participación de expertos da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas de A Coruña, da Consellería do Mar e da Armada, que representaron aos tres subsectores da formación marítima.