O Centro Demostrador TIC da Amtega celebrou en 2016 máis de 100 actividades para fomentar a dixitalización empresarial

Domingo 01 de Xaneiro de 2017

O Centro Demostrador TIC da Amtega celebrou en 2016 máis de 100 actividades para fomentar a dixitalización empresarial

Puxo en marcha un novo programa formativo, AceleraTIC, dirixido a persoal directivo
Outra das novidades deste ano foi a serie de vídeo-experiencias para fomentar a transformación dixital nas pemes galegas
Ademais, en 2016 lanzouse a app do CDTIC, renovouse a súa páxina web e incorporáronse novas solucións ao CDTIC virtual

O Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pechou 2016 con máis de 100 actividades realizadas dirixidas, fundamentalmente, ás pemes para mostrarlles os beneficios da integración das TIC aos seus negocios. Máis de 460 empresas e case 1.500 persoas asistiron a algunha destas actividades. Ademais, o CDTIC serviu de escaparate a 60 empresas TIC galegas que colaboraron co centro en diversas accións de formación e demostración tecnolóxica.

Para dar testemuña dos servizos que o CDTIC presta ás empresas galegas, varios xerentes de empresas, usuarias do Centro, comparten a súa visión do CDTIC a través dunha video-entrevista dispoñible na canle de youtube de Amtega: https://www.youtube.com/watch?v=CUyA2Vz1D-w&feature=youtu.be e na sección experiencias TIC da Web do CDTIC, unha das novidades deste ano.

AceleraTIC, un programa formativo para o persoal directivo

Outra das novas actividades que se puxeron en marcha en 2016 foi o programa “AceleraTIC, pensa en futuro, actúa en dixital”. Desenvolvido en colaboración coa Escola de Negocios de AFundación, ofreceu seis xornadas formativas ao longo dos meses de xuño e xullo que tiñan como obxectivo contribuír a crear un perfil directivo que coñeza o contorno dixital, adquira as habilidades necesarias para entender que valor pode achegar a tecnoloxía ao seu negocio e impulse os cambios necesarios na empresa para unha verdadeira transformación dixital. 

No programa, que esgotou as prazas dispoñibles na súa convocatoria, participaron máis de vintecinco pequenas e medianas empresas. Os participantes que remataron o proceso formativo recibiron o diploma “Programa Especializado en Transformación Dixital da Empresa” outorgado pola Escola de Negocios Afundación.

Vídeo-experiencias para impulsar o emprego das TIC nas pemes

O CDTIC apostou este ano por contidos audiovisuais e atractivos para dar a coñecer os beneficios e as vantaxes relacionados coa introdución de software e sistemas de xestión dixital no tecido empresarial. Así, un total de doce pemes de diferentes sectores (Elena Ferro, Mariscos Comesaña, Gadiex Placotec, SienteGalicia, Viña Costeira, Todotaladros.com, LV Vogue, TGM Toldos Gómez, Veraleza, Termaria, Wekab e Cabomar) expuxo, a través de vídeo-experiencias, o proceso e as vantaxes de incorporar solucións tecnolóxicas nos seus modelos de negocio. Trátase de pezas breves, dispoñibles na canle de YouTube da Amtega, en formato de entrevista, nas que algún membro da empresa conta en primeira persoa que tipo de solución TIC integrou de maneira satisfactoria no seu negocio e como favoreceu a mellora e o bo funcionamento deste. 

Renovación da web e lanzamento da app do CDTIC

Unha das novidades máis destacadas neste ano foi a total renovación da web do CDTIC co obxectivo de consolidarse como o portal de referencia para a transformación dixital das  pemes en Galicia. Así, a web cdtic.xunta.gal aposta por un deseño máis intuitivo e accesible, no que destaca un novo formato máis visual e interactivo, así como unha optimización da súa usabilidade nos distintos dispositivos e formatos de pantalla.

Por outro lado, a aplicación móbil, dispoñible para Android e IOS e que xa superou as 150 descargas, permítelles aos usuarios consultar a axenda de actividades do centro, incorporalas ao seu calendario persoal, inscribirse nestas e compartir contidos a través das redes sociais. Outra das súas funcionalidades é posibilitar unha maior interacción durante a celebración dos seminarios, pois facilita o intercambio e a recompilación de datos e opinións en tempo real entre asistentes e formadores ou relatores.

CDTIC Virtual e MapaTIC.gal, con melloras en 2016

O CDTIC Virtual, servizo para que as empresas, as organizacións e as persoas usuarias proben e avalíen aplicacións na nube nun contorno privado durante un período de 15 días, incorporou  dúas novas aplicacións: Prestashop, unha ferramenta do sistema de comercio electrónico e Alfresco, un xestor documental que automatiza a xestión, almacenamento e preservación de documentos dixitais relacionados cos procesos da organización. Este servizo rexistrou ao longo do ano un total de 45 solicitudes para a utilización das mesmas

Pola súa banda, o MapaTIC.gal, punto de encontro virtual entre a oferta e a demanda tecnolóxica, alcanzou unha cifra de 415 provedores e de 915 solucións.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. O Centro actúa como punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda do resto dos sectores empresariais galegos.

O CDTIC é unha iniciativa promovida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a entidade pública empresarial Red.es, adscrita ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, e cofinanciada con fondos FEDER.