O Centro de Novas Tecnoloxías acollerá un curso sobre solucións de seguridade corporativa en xaneiro

Martes 29 de Decembro de 2009

O Centro de Novas Tecnoloxías acollerá un curso sobre solucións de seguridade corporativa en xaneiro

Trátase dun obradoiro sobre xestión de identidades e control de accesos, posto en marcha en colaboración con Oracle. Terá un máximo de 15 participantes, que poderán inscribirse ata o próximo 31 de decembro.

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, acollerá os próximos 19, 20 e 21 de xaneiro un laboratorio práctico orientado a formar a profesionais en ferramentas que permitan incorporar á empresa solucións de seguridade corporativa.

O curso vai dirixido a persoal ocupado, dos sectores público e privado, e responsables técnicos dos sistemas de seguridade. En total, terá un máximo de 15 participantes, que se poderán inscribir ata o próximo 31 de decembro.

A selección realizarase priorizando as solicitudes dos responsables que proporcionen un servizo cun amplo número de usuarios e aplicacións, e responsables de entidade de tamaño medio ou grande. Despois de realizar a actividade formativa, os participantes recibirán un certificado emitido polo Centro de Novas Tecnoloxías.

Este tipo de sistemas, sobre os que se impartirá o curso, son unha necesidade nas organizacións en que a súa dimensións ou capacidade de crecemento deben manexar un alto número de usuarios e servizos, e cando esta xestión de contas se complica debido ao número de usuarios, a frecuencia dos cambios e a gran cantidade de aplicacións corporativas.

Polo tanto, a xestión de identidades permite obter un coñecemento profundo e inmediato de que e quen ten acceso aos recursos da empresa, evitando así accesos non desexados e usos incorrectos e ofrecendo, ao mesmo tempo, un maior coñecemento dos usuarios aos que se lles poderá ofrecer unha información máis axeitada e segura.