O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio do Gaiás organiza o evento de networking tecnolóxico DataBeersGLZ

Venres 23 de Xuño de 2017

O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio do Gaiás organiza o evento de networking tecnolóxico DataBeersGLZ

Será o 29 de xuño a partir das 19.30 na Sala Eiensman da Cidade da Cultura
DataBeersGLZ é un encontro informal para abordar o mundo dos datos dunha forma accesible
O CEIN púxose en marcha o ano pasado no marco do Pacto Dixital da Xunta

O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN) celebra o próximo 29 de xuño o DataBeersGLZ, un evento de networking que se desenvolve en diferentes cidades do mundo e que chega ao Gaiás deste centro, que a empresa DXC Technology ten en Santiago de Compostela, no marco do Pacto Dixital da Xunta de Galicia.

O evento, totalmente gratuíto, celebrarase na Sala Eisenman da Cidade da Cultura a partir das 19:30. O aforamento é limitado e as entradas pódense conseguir a través da páxina web https://databeersglz.tumblr.com/.

O obxectivo de DataBeersGLZ é aumentar a alfabetización no mundo dos datos dunha forma accesible e amable, Os eventos DataBeers teñen ademais un elemento secundario, a cervexa, que actúa como nexo facilitador da interacción entre todos os asistentes. O público xoga un papel importante, xa que pode participar e compartir impresións durante as charlas, creándose unha comunidade activa en torno ao mundo dos datos.

Relatorios

Nesta ocasión abrirá o evento Andrés García-Rodeja, director do CEIN e recente gañador do Premio Traxectoria Profesional do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia cun relatorio que leva por título “Hai algún Data Scientist na sala?”. Celia López, responsable de produto en proxectos de intelixencia de negocio, e Fernando Branco, responsable de desenvolvemento de front-end e visualización avanzada de información en DXC Technology, falarán sobre “O Shu, o Ha e o Ri”.

A continuación David Losada, Profesor Titular de Universidade e Investigador Senior asociado ao CiTIUS (Universidade de Santiago de Compostela), expoñerá os seus traballos sobre “Minería de Textos para a Detección Temperá de Riscos: o Caso da Depresión”, e por último, Elias Castro González, xefe de proxectos Business Intelligence na área de Analytics para Sanidade de DXC Technology, pechará a edición de DataBeersGLZ coa charla “Datos que salvan vidas. O medicamento do futuro”.

CEIN

O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN) está formado por un equipo de 50 profesionais especializados en Big Data, Analytics, Data Science e Business Intelligence que participan en proxectos para clientes a nivel nacional e internacional. O CEIN tamén ofrece asesoramento especializado a titulados universitarios a través do seu programa “Observatorio Tecnolóxico DXC”, desenvolvido conxuntamente coa Universidade de Santiago de Compostela.

O CEIN púxose en marcha en agosto de 2016 dentro das iniciativas enmarcadas no Pacto Dixital da Xunta de Galicia.