O CDTIC da Amtega pecha a segunda edición do programa formativo AceleraTIC para a transformación dixital da peme galega

Venres 09 de Xuño de 2017

O CDTIC da Amtega pecha a segunda edición do programa formativo AceleraTIC para a transformación dixital da peme galega

A través do AceleraTIC+ directivos e xerentes adquiren as competencias precisas para comprender o valor do talento dixital dentro das empresas e a importancia de colocar aos clientes e empregados no centro da súa estratexia dixital
As titorías-consultorías individualizadas pechan hoxe este itinerario formativo para 25 directivos e xerentes de pequenas e medianas empresas
Turismo, pequeno comercio, construción, actividades administrativas ou industria química e plásticos son unha mostra dos diversos sectores de actividade presentes entre os participantes

Despois de seis sesións de formación máis dúas xornadas de titorización, despídese esta edición do programa formativo AceleraTIC+ para a transformación dixital das pemes (https://cdtic.xunta.gal/programa-formativo-aceleraticp).

AceleraTIC+ é a continuación do exitoso AceleraTIC, celebrado en 2016 tamén en colaboración coa IESIDE-Escola de Negocios Afundación. Enmarcado no plan de actividades do Centro Demostrador TIC da Amtega, este programa ten por obxectivo promover a creación dun perfil directivo que considere os recursos dixitais dende un punto de vista estratéxico, é dicir, que entenda o valor que achegan as tecnoloxías ao negocio e impulse a introdución de talento dixital e demais cambios necesarios na empresa para unha verdadeira transformación dixital.

A demanda de solicitudes para participar no Programa AceleraTIC+ triplicou o número de prazas ofertadas o que dá conta do interese das pemes galegas en recibir este tipo formación especializada. Os asistentes que completaron o Programa recibirán o título “II Programa Especializado en Transformación Dixital da Empresa” emitido por IESIDE-Escola de Negocios Afundación.

Sesións formativas do AceleraTIC+

O programa estruturouse en seis sesións formativas, de sete horas de duración cada unha, centradas en diferentes aspectos da transformación dixital. Comezou o 4 de maio e prolongouse todo ese mes máis parte do de xuño coa seguinte distribución:

Xoves 4 de maio. Como competir no novo contorno tecnolóxico e social? Big data, cloud computing, app economy, Internet of things, robotización e industria 4.0. Álvaro Gómez
Xoves 11 de maio. Novas canles de comunicación coa clientela. Marketing dixital e redes sociais. Javier Varela
Xoves 18 de maio. Estratexia de dixitalización da canle de vendas. O comercio electrónico como unha alternativa estratéxica. Carlos Otero
Xoves 25 de maio. Posicionamento en Internet: SEO – SEM. José Alcañiz
Xoves 1 de xuño. Ferramentas de medición e análise – Obradoiro de Google Analytics. Fernando Gómez
Mércores 7 de xuño. Modelos organizativos e visión dixital. Transformación e xestión do cambio organizacional. Pablo Castejón

Finalmente, o xoves 8 e o venres 9 de xuño completouse o programa con dúas xornadas de titorización/consultoría personalizada.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades o CDTIC amosa ás empresas a importancia do impulso ao talento dixital dentro das mesmas, para desenvolver unha nova organización de traballo e cultura dixital na que os empregados e os clientes se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías dixitais.

Asemade, o Centro actúa como punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda do resto dos sectores empresariais galegos. Para iso, o CDTIC pon a disposición do sector TIC galego as súas instalacións e recursos para que poidan poñer en valor os seus produtos e servizos.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, a través de Red.es, cofinanciado con fondos Feder.