Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

O CDTIC da Amtega organiza unha sesión demostradora para a modernización de empresas e talleres de automoción

“Diagnostica e renova a túa empresa ou taller de automoción” é o título desta sesión prevista para o 9 de novembro
A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organiza o día 9 de novembro unha sesión demostradora que leva por título “Diagnostica e renova a túa empresa ou taller de automoción” (https://cdtic.xunta.gal/autoxuga) e que terá lugar nas súas instalacións en horario de 10.30 a 13.00 horas.

Nesta actividade as persoas asistentes poderán empregar de balde o programa informático de autodiagnose que se mostrará na sesión a través da web www.autoxuga.com co obxectivo de analizar a situación da súa empresa e corrixir os parámetros inadecuados para o negocio. Así mesmo, poderán probar, tamén gratuitamente, a solución de aforro de combustible e de diminución da contaminación ambiental coa que as persoas propietarias dun coche poderán aforrar máis de 600 euros ao ano, ademais de alargar a vida útil do seu vehículo e reducir a contaminación ambiental.

O programa da sesión divídese en dous bloques, un no que se falará sobre como reflotar as empresas, a través da análise de gastos, a redución de custos, a captación de clientes, a diversificación das compras, o marketing etc.; e un segundo bloque dedicado ao aforro de combustible, no que se abordarán temas como factores técnicos, condicións de uso do automóbil, mantemento de vehículos, revisións e inspeccións, calidade de aceites e pezas...

Esta sesión está destinada principalmente a xerentes de empresas, xefes de área, mecánicos, autónomos e empresariado en xeral. A empresa Autoxuga, dedicada á investigación e ao desenvolvemento de novas solucións de xestión empresarial, será a encargada desta demostración.

Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.