Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

O CDTIC da Amtega organiza dúas sesións formativas sobre como establecer e usar licenzas libres nas empresas

As instalacións do Centro en Santiago acollerán dous seminarios, un o día 23 e outro o 30 de maio, sobre licenzas e liberación de software
A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web ou na app do CDTIC dispoñible para Android e iOS

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organiza dúas sesións de formación relacionadas co software libre. Cos títulos “Como establecer e como usar unha licenza de software libre e que implicacións ten para a miña empresa” e “Liberación de software: como se fai e por que é interesante para a miña empresa”, impartiranse nas instalacións do Centro en Santiago de Compostela en horario de 10.00 a 13.30 horas os días 23 e 30 de maio respectivamente.

Ambos os seminarios serán impartidos por Pablo Sanxiao, consultor especializado en software libre e colaborador na Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega. Para participar cómpre inscribirse ben na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/) ou na súa app. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

Como usar unha licenza de software libre

No primeiro dos seminarios (https://cdtic.xunta.gal/licenza-software-libre), que se desenvolverá o 23 de maio, explicarase que é unha licenza de software e quen pode establecela, e trataranse conceptos básicos sobre a propiedade intelectual. Tamén se fará unha introdución ás licenzas específicas para publicacións. Finalmente, verase algún exemplo práctico orientado ao ámbito empresarial sobre como establecer unha licenza ou que aspectos cómpre ter en conta á hora de escoller un software de terceiros.

Esta sesión está orientada a empresas que queren publicar algún contido con licenzas libres ou teñen a necesidade de integrar outros compoñentes de software libre nos seus proxectos ou fluxos de traballo.

Liberación de software: como se fai e por que é interesante para a miña empresa

O seminario do día 30 de maio (https://cdtic.xunta.gal/liberacion-software) fará unha introdución sobre a liberación de proxectos como software libre, facendo fincapé nas vantaxes que isto pode reportar e novos modelos de negocio asociados ao software libre que poden resultar de interese para unha empresa. Finalmente, realizarase tamén unha pequena introdución sobre as ferramentas que adoitan empregarse para a xestión dun proxecto unha vez liberado.

Esta sesión está destinada a empresas que queren liberar o seu software baixo unha licenza libre ou explorar novos modelos de negocio baseados no software libre.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. O Centro actúa como punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda do resto dos sectores empresariais galegos.

O obxectivo principal do CDTIC é amosar e demostrarlles ás empresas e aos profesionais os beneficios que as TIC poden ofrecerlle ao seu negocio. Para conseguilo o CDTIC pon a disposición do sector TIC galego as súas instalacións e recursos para que poidan poñer en valor os seus produtos e servizos.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, a través de Red.es, cofinanciado con fondos Feder.