Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

O CDTIC da Amtega acolle o 22 de xuño unha xornada sobre o whatsapp como ferramenta de comunicación profesional

A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web ou na App do CDTIC

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia organiza, o día 22 de xuño, unha sesión de formación que leva por título “WhatsApp como ferramenta de comunicación profesional” (https://cdtic.xunta.gal/whatsapp-santiago) e que se desenvolverá nas súas instalacións de Santiago de Compostela en horario de 10.00 a 13.00 horas.

Nesta actividade presentaranse os ámbitos e as condicións de uso da coñecida aplicación de mensaxería instantánea WhatsApp, así como as opcións que ofrece para a comunicación profesional. Funcións, recomendacións e boas prácticas, ferramentas que proporciona ou limitacións desta app para un uso profesional ou, mesmo, comercial son algúns dos aspectos que se abordarán ao longo da xornada, ademais de presentarse exemplos de casos reais de utilización.

Esta sesión está destinada principalmente a persoas emprendedoras e profesionais que utilicen ou pensen en incorporar WhatsApp como ferramenta de comunicación no seu negocio. O encargado de impartir a xornada será Christian Delgado, especialista en posicionamento e analítica web e profesor asociado da Escola de Negocios AFundación.

Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/) ou a través da App do CDTIC dispoñible para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que aínda quedan prazas dispoñibles.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

Asemade, o Centro actúa como punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda do resto dos sectores empresariais galegos. Para iso, o CDTIC pon a disposición do sector TIC galego as súas instalacións e recursos para que poidan poñer en valor os seus produtos e servizos.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, a través de Red.es, cofinanciado con fondos Feder.