O 97% dos 270 Xulgados de Paz de Galicia xa están informatizados tras a implantación do sistema de xestión do rexistro civil InfoReg 4.0

Venres 10 de Xuño de 2016

O 97% dos 270 Xulgados de Paz de Galicia xa están informatizados tras a implantación do sistema de xestión do rexistro civil InfoReg 4.0

Permite realizar de forma centralizada a inscrición e certificación de nacementos, matrimonios, defuncións e tutelas nos Rexistros Civís municipais e nos Xulgados de Paz galegos

Tras a informatización agora comeza o proceso de dixitalización dos libros rexistrais en 28 Xulgados de Paz da Comunidade

O 97% dos 270 Xulgados de Paz de Galicia xa utilizan o sistema de xestión do rexistro civil InfoReg 4.0. As principais finalidades deste sistema de información de xestión do Rexistro Civil son a realización dos asentos rexistrais e o almacenamento electrónico de datos o que conleva unha maior seguridade da información e, por outra banda, a posibilidade e emitir as certificacións en galego.

A informatización dos 270 xulgados de paz supuxo un complexo proceso de revisión e dotación do equipamento, da infraestrutura tecnolóxica e a conectividade necesaria en cada un deles, así como a formación personalizada no sistema aos máis de 360 usuarios. Ademais, co obxecto de e asegurar unha adecuada incorporación e desenvolvemento co sistema, existe un equipo de soporte experto para axudar aos usuarios trala implantación e dinamizar o seu uso.

O proceso de implantación do sistema InfoReg na Comunidade Autónoma de Galicia é o resultado dun convenio de colaboración entre a entidade pública empresarial Red.es, o Ministerio de Xustiza e a Xunta de Galicia, no eido do Plan Avanza e o Plan Senda 2014.

Dixitalización dos libros rexistrais
Tras informatizar os xulgados de Paz o seguinte paso é dixitalización dos libros rexistrais, que permitirá introducir no sistema informático InforReg a información recollida nestes documentos en papel. O proceso comeza este ano en 28 Xulgados de Paz da Comunidade que se beneficiarán do proceso de dixitalización dos seus libros rexistrais no marco do Convenio Ius+Red asinado entre os Ministerios de Xustiza, Industria, Comercio e Turismo e Red.es. A selección dos concellos realizouse atendendo a un criterio poboacional e o proceso irá acompañado dun reforzo formativo dentro do uso do sistema de xestión do rexistro civil InfoReg. Dos 28 concellos seleccionados, 13 pertencen á provincia da Coruña, 9 a Pontevedra e 2 a Lugo.

45 Rexistros Civís dixitalizados
O proceso de dixitalización dos libros xa se completou nos 45 Rexistros Civís que existen en Galicia, o implicou a dixitalización de máis de 6.400 tomos. Por provincias, na Coruña implantouse o programa en catorce rexistros, con 2.383 libros dixitalizados; nos nove rexistros de Lugo con 922 libros dixitalizados; noutros nove en Ourense con 764 tomos convertidos a formato dixital e en trece Pontevedra cun total 2.413 libros dixitalizados.

Dentro do proxecto de modernización da Administración da xustiza en Galicia que se recolle no Plan Senda 2014, os sistemas de información constitúen un piar fundamental e por iso se están a poñer os medios para consolidar o seu uso. A través do Plan Senda 2014 estanse a desenvolver un conxunto de medidas orientadas a consolidar unha infraestrutura tecnolóxica e de servizos robusta e fiable que permita avanzar na integración das novas tecnoloxías no eido xudicial.

Listado Xulgados de Paz nos que se dixitalizarán os libros rexistrais

PROVINCIA CONCELLOS
A Coruña Narón
A Coruña Oleiros
A Coruña Arteixo
A Coruña Culleredo
A Coruña Ames
A Coruña Cambre
A Coruña Moaña
A Coruña Boiro
A Coruña Nigrán
A Coruña Teo
Pontevedra Sanxenxo
Pontevedra Poio
Pontevedra Mos
A Coruña Sada
A Coruña Fene
Pontevedra Gondomar
Pontevedra Tomiño
Pontevedra Bueu
Pontevedra Baiona
A Coruña Rianxo
A Coruña As Pontes de García Rodríguez
Pontevedra O Grove
A Coruña A Laracha
Pontevedra Vilanova de Arousa
A Coruña Santa Comba
Pontevedra A Guarda
Lugo Ribadeo
Lugo Foz