O 15 de decembro o Centro Demostrador TIC da Amtega acolle un seminario sobre as novidades do xestor de contidos web “Drupal 8”

Sábado 12 de Decembro de 2015

O 15 de decembro o Centro Demostrador TIC da Amtega acolle un seminario sobre as novidades do xestor de contidos web “Drupal 8”

A xornada, orientada a profesionais TIC e xestores web, impartirase en horario de 10.00 a 14.00 e de 15.30 a 18.30.

A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), organiza o día 15 de decembro o seminario “Descubre Drupal 8” (https://cdtic.xunta.es/drupal-8) que se impartirá nas súas instalacións en horario de mañá (de 10.00 a 14.00 h) e tarde (de 15.30 a 18.30 h).

Nesta actividade formativa, de carácter práctico, daranse a coñecer as características que fan de Drupal un sistema de xestión de contidos (CMS) axeitado para o desenvolvemento de webs. As persoas asistentes descubrirán os seus compoñentes tecnolóxicos, as súas funcionalidades e as vantaxes, a través de exemplos prácticos, de empregar Drupal.

O programa da xornada está dividido en dous bloques. No primeiro deles, Administración avanzada de sitios web Drupal con Drush, tratarase a xestión de tarefas de mantemento, de bases de datos e de contornas, así como a configuración da contorna de traballo. No segundo, xa centrado en Drupal 8, abordarase a evolución deste xestor de contidos, as novidades desta nova versión (en termos de tecnoloxías, seguridade, rendemento e escalabilidade, e localización e tradución), a arquitectura de contidos, os temas e a extensión de funcionalidades.

Este seminario está destinado principalmente a profesionais TIC, responsables da xestión web das empresas e autónomos que queiran crear unha páxina web en Drupal ou ben xa administran unha e desexan afondar na súa utilización e na incorporación de máis funcións. O encargado de impartir a sesión será Alberto Permuy Leal, socio da empresa Codery e arquitecto Drupal.

Este seminario realízase en colaboración con AGASOL, a Asociación de empresas de Software Libre de Galicia.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.