No último ano Galicia experimentou un incremento na conexión á banda larga superior ao conxunto do estado e á media europea

Mércores 02 de Marzo de 2011

No último ano Galicia experimentou un incremento na conexión á banda larga superior ao conxunto do estado e á media europea

Galicia aumentou nun 21,4% a porcentaxe de conexión a Rede fronte ao 11,9% da media estatal e o 8,9% da media europea

A secretaria xeral de Modernización presidiu hoxe o pleno do OSIMGA que avaliou os últimos datos da sociedade da información en Galicia

O Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización presentou hoxe o seu primeiro balance anual de xestión, xunto co seu Plan de Traballo para 2011

No primeiro semestre do ano o OSIMGA publicará os resultados das enquisas sobre a situación da eAdministración nos concellos

O OSIMGA abriuse á participación de organizacións empresariais e sindicais

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, presidiu hoxe o pleno do Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia no que se fixo balance do primeiro ano de xestión, se aprobou o Plan de traballo para 2011 e se avaliaron os últimos datos sobre o estado da Sociedade da Información na Comunidade. O OSIMGA está adscrito á Secretaría Xeral de Modernización e as súas actuacións enmárcanse nas iniciativas impulsadas pola Axenda Dixital 2014.gal.

Sociedade da Información en Galicia
Os últimos datos sobre o Estado da Sociedade da Información en Galicia constatan unha evolución positiva na penetración das novas tecnoloxías entre os galegos aínda que a Comunidade segue a rexistrar valores inferiores en varios indicadores. No caso de acceso e uso de ordenador, internet e banda larga a posición de Galicia é inferior ao conxunto do Estado aínda que crece en todos os casos.

O informe resalta como fortalezas de Galicia no ámbito da sociedade da información os bos niveis de equipamento e uso TIC no hábitat urbano, o maior uso das TIC entre as persoas de 10 a 34 anos e o importante uso da eAdministración por parte da poboación. As debilidades están centradas nos condicionantes xeográficos e socioeconómicos, mentres que as principais oportunidades están na capacitación dos colectivos en risco de exclusión e no impulso da Administración electrónica, xunto coa mellora das infraestruturas de telecomunicacións.

Os informe recolle os últimos avances da extensión do acceso á banda larga en Galicia nun período en que as accións do Plan Banda Larga permitiron reducir nun terzo a poboación sen acceso á Internet na Comunidade. Respecto a 2009 incrementáronse en case 4000 os núcleos de poboación con acceso á banda larga e aumentaron tamén de forma importante os centros de saúde e centros educativos con posibilidade de acceso á Rede respecto a 2009.

Neste sentido o informe indica que o incremento da conexión a banda larga en Galicia foi dun 21,4% rexistrando un aumento superior á media estatal (11,9%) e europea (8,9%). En canto ao uso da banda larga no fogar o informe sinala que un 46,5% dos fogares galegos ten contratada algunha conexión a Internet mediante banda larga.

O informe revela que a fenda dixital de xénero en Galicia é inferior á estatal e á europea. A diferenza no uso de Internet entre homes e mulleres en Galicia diminuíu en 3 puntos respecto ao ano 2009.

O Observatorio tamén ofrece información estratéxica sobre a situación actual do tecido empresarial galego desde a perspectiva do equipamento e utilización das TIC, implantación de ferramentas informática de xestión, comercio electrónico, entre outros aspectos.

Cabe salientar que as empresas galegas de 10 e máis empregados superan á media europea nos indicadores relativos a dispoñibilidade de ordenador, conexión a Internet, banda larga e LAN. Un 22,8% das empresas galegas de 10 e máis empregados que realizan intercambio automatizado de datos envían facturas electrónicas, experimentando un crecemento interanual do 18,8% pero aínda a 2,3 puntos da media estatal. No apartado de formación cabe subliñar que un 18,5% das empresas galegas deste segmento empresarial afirman ter proporcionado actividades formativas sobre as TIC, experimentando un crecemento interanual do 51,6%. A porcentaxe de persoal destas empresas que recibiu formación en TIC acadou o 30,8%, superando en 2,2 puntos á media estatal.

En canto ao comercio electrónico, o 23,6% das empresas galegas de 10 e máis empregados/as realizaron compras a través de Internet no último ano, situándose en valores próximos á media de España (24,1%). No período 2009 – 2010, a porcentaxe de empresas galegas de 10 e máis empregados que realizaron compras a través de Internet medrou un 43,9%. O 9,9% das empresas galegas de 10 e máis empregados realizaron vendas a través de Internet, fronte ao 13,1% que rexistra o conxunto do Estado.

O informe destaca o feito de que Galicia é a terceira comunidade autónoma con maior uso da Administración electrónica por parte da cidadanía para obter información das páxinas web e a quinta comunidade en descarga e cumprimentación de formularios oficiais.

Plan de Traballo 2011
Durante o primeiro semestre deste ano o OSIMGA presentará os resultados das enquisas e informes realizados no ano 2010, as análises comparativas e as principais conclusións extraídas destes estudos. Estes traballos permitirán coñecer a situación da Administración electrónica nos concellos galegos e os datos máis actualizados da Sociedade da Información en Galicia.

Entre as observacións temáticas planificadas para o ano 2011 cabe salientar unha nova edición dos Informes sobre a situación do software libre nas entidades galegas e os estudos sobre a evolución dos indicadores de banda larga na poboación e nas empresas galegas. Ademais está previsto desenvolver a segunda fase do “Estudo sobre O Uso das TIC para a integración laboral das persoas con discapacidade”, elaborando unha guía descritiva dos casos de éxito máis significativos existentes en Galicia.

Entre os proxectos e actividades a realizar no marco do Plan Galego de Estatística 2007-2011, cabe salientar que o OSIMGA en 2011 publicará unha nova edición do Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia, que ofrecerá os datos máis recentes da evolución da penetración das TIC na Comunidade nos catro últimos anos.

En canto á súa presenza na Rede o OSIMGA acometerá unha serie de melloras na súa webwww.osimga.org co obxectivo de facilitar a navegación e accesibilidade de todos os seus contidos, ofrecendo ademais unha imaxe renovada. Ademais, para dar continuidade ás accións de impulso do OSIMGA nas redes sociais, potenciarase a súa presenza nas redes sociais Delicius, Issuu, Facebook, Netvibes e Twitter. A web do Osimga recibiu entre marzo e decembro de 2010 máis de 20.800 visitas e conta con 1.700 subscritores en liña.

Primeira Memoria Anual do OSIMGA
Nesta Memoria Anual cabe salientar os máis de 100 indicadores monitorizados, 6 informes realizados, 7 enquisas e estudos postos en marcha, máis de 60 consultas, análises e peticións de información atendidas e máis de 20 colaboracións establecidas con outras entidades.

No 2010, o OSIMGA puxo en marcha as Enquisas sobre a Sociedade da Información en Galicia relativas á evolución do equipamento e uso das TIC na poboación, pemes e micropemes e empresas TIC de Galicia. Estas enquisas inclúen tamén indicadores de banda larga, que contribúen a realizar a avaliación do Plan de Banda Larga.

En maio de 2010 presentouse o estudo: “A Situación Laboral das Enxeñarías en Informática de Galicia”, realizado baixo a coordinación do OSIMGA. O Informe “Situación actual da sinatura electrónica e das entidades de certificación”, realizado en 2010, tamén conta coas achegas do Observatorio. Antes de rematar o pasdo ano o OSIMGA abordou a primeira fase do “Estudo sobre O Uso das TIC para a integración laboral das persoas con discapacidade”, que terá continuidade no 2011.

Integrantes
O Pleno do Observatorio está integrado por representantes da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e das Consellerías de Economía e Industria, Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Facenda e do Instituto Galego de Estatística, xunto cun titular con competencias no ámbito da Sociedade da Información pertencente á Administración do Estado, un representante das universidades públicas galegas e unha persoa designada pola Federación Galega de Municipios e Provincias. Ademais, o OSIMGA conta coa participación de dúas personalidades de recoñecido prestixio en materia da Sociedade da Información e de modernización administrativa.

Nesta reunión, o OSIMGA abriuse a representantes sindicais e empresariais segundo os acordos asinados na Mesa Xeral de Dialogo Social en Galicia, o pasado 30 de agosto , que establecía a súa integración no Observatorio.