Modernización facilita ás pemes un estudo comparativo das aplicacións de comercio electrónico baseadas en software libre

Domingo 06 de Marzo de 2011

Modernización facilita ás pemes un estudo comparativo das aplicacións de comercio electrónico baseadas en software libre

O traballo analiza as cinco ferramentas máis populares empregadas para a posta en funcionamento de tendas en liña a través de Internet

O obxectivo desta análise é mellorar a presenza en Internet das empresas galegas e poñer en valor as diferentes plataformas software libre para a venda de produtos a través da Rede

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica pon a disposición das pequenas e medianas empresas unha análise comparativa de aplicacións de comercio electrónico baseadas no software libre. O obxectivo de este estudo é mellorar a presenza en Internet das empresas galegas e poñer en valor as diferentes plataformas software libre de comercio electrónico para a venda de produtos a través da Rede.

O traballo analiza as cinco ferramentas Flosss (de software libre e código de fontes abertas) máis populares empregadas para a posta en funcionamento de tendas en liña a través de Internet. O estudo detalla os puntos fortes e débiles de cinco solucións: osCommerce, Magento, Pretashop, VirtueMart e Ubercart. Este estudio complementa outras accións realizadas en 2010 en colaboración co Asociación de Empresas Galegas de Software Libre que publicou a tradución ao galego de Magento.

O estudo describe cada unha das plataformas seleccionadas coas características básicas, vantaxes e limitacións e requirimentos técnicos. Esta información acompáñase de capturas de pantallas e referencias en Internet.

Obxectivos das plataformas 
Os aplicativos seleccionados teñen distintos niveis de especialización: osCommerce, Magento e PrestaShop son aplicativos orientados exclusivamente como solucións de comercio electrónico. No entanto VirtueMart e Ubercart foron deseñados co obxectivo de incorporar aos xestores de contidos xa existentes as funcionalidades necesarias para prover servizos de tenda en liña.

Para complementar a información e sacar conclusións da popularidade e tendencias de uso en Internet de cada unha das plataformas analizadas estudouse o interese que espertan na Rede cada unha delas. Atendendo a información recompilada dos últimos doce meses, o estudo conclúe que Magento lidera en uso ás demais, quedando moi igualadas VirtueMart, PrestaShop e osCommerce. Ubercart, a cesta da compra asociada ao xestor de contidos Drupal, queda moi atrás en cifras. O estudo está dispoñible nas direccións www.mancomun.org e http://imit.xunta.es.

Plan Floss 
A elaboración deste estudo intégrase nas actuacións do Plan de Acción 2010 en materia de software libre e de fontes abertas (FLOSS) para contribuír a transmitir unha imaxe do FLOSS asociada ao bo funcionamento do mesmo e á calidade, adoptando medidas para poñer a disposición da sociedade e do tecido empresarial, software libre que se axuste as necesidades da empresa galega.

Entre os compromisos adquiridos no plan de acción FLOSS recóllese a realización de estudos comparativos de Software Libre orientado ao ámbito empresarial, sendo a Oficina de Coordinación FLOSS a responsable da elaboración de estudos tecnolóxicos e funcionais sobre solucións empresariais orientadas as empresas con presencia en Galicia, focalizándose no máis adecuado para o tecido non TIC local.